Declaración institucional 8M

Google+ Pinterest LinkedIn Tumblr +

O día 8 de marzo foi proclamado como “Día Internacional polos Dereitos da Muller pola Organización das Nacións Unidas en 1975.

Dende esa data, cada 8 de marzo as mulleres reivindicamos os dereitos fronte ás inxustizas ás que a sociedade patriarcal tennos sometidas e saímos ás rúas organizadas para reclamar mellorar a vida das mulleres.

Nun mundo no que se están a producir profundas transformacións sociais e económicas e malia os avances que temos conquistado, estamos a comprobar que os dereitos tamén se poden perder. Estamos a comprobar como hai quen cuestiona a violencia machista cando estamos a ser asasinadas e violadas, ou o cuestionamento dos nosos dereitos sexuais e reprodutivos.

A desigualdade entre homes e mulleres é un problema estrutural que esixe unha aposta forte por parte de toda a sociedade.

Por este motivo compre seguir impulsando medidas encamiñadas a garantir o cumprimento dos dereitos que a día de hoxe temos recoñecidos e impulsar novas políticas para conquistar novos dereitos.

Para o Concello de Cabanas promover a igualdade entre homes e mulleres é un valor fundamental polo que o Grupo de Goberno quere apoiar e reclamar:

  1. O seu apoio ás distintas mobilizacións convocadas polo feminismo galego neste 8 de marzo.
  2. Intensificar os nosos esforzos no desenvolvemento de políticas encamiñadas a fomentar o emprego, o empoderamento e a educación en igualdade de oportunidades.
  3. Incorporar a perspectiva de xénero en toda a actividade local.
  4. Ampliar o sistema de atención ás vítimas de todas as formas de violencia machista no marco das nosas competencias, avanzando na mellora dos sistemas de detección temperá, situando no centro ás mulleres e o seu empoderamento e atendendo ao recoñecemento ao dereito de reparación das vítimas.
  5. Igualmente, seguiremos demandando da Xunta de Galiza:
  • O aumento das axudas ás rendas mínimas xa que Galiza é das comunidades que menos está a gastar na parte mais vulnerable da nosa sociedade.
  • Aumento de recursos na sanidade pública; non podemos ser as mulleres as que paguemos os recortes no sistema sanitario tanto como usuarias como no noso traballo. Creación da Unidade de saúde integral das mulleres, que planifique, coordine e impulse unha estratexia de atención integral na que se establezan as liñas prioritarias en saúde das mulleres.
  • A creación do Instituto Galego das Mulleres como organismo público encargado de deseñar, impulsar, asesorar e avaliar as políticas de igualdade e promover a sensibilización da sociedade có obxectivo de acadar a igualdade real entre mulleres e homes en Galiza.

Cabanas, 8 de marzo de 2023.

Share.

Comments are closed.