COREGAL faise cargo da xestión do Punto Limpo do Vilar do Colo

Google+ Pinterest LinkedIn Tumblr +

Representantes dos gobernos locais de Cabanas, Fene e Ares participaron este mediodía no acto simbólico de entrega das chaves do Punto Limpo do Vilar do Colo á empresa COREGAL, que se encargará da xestión do servizo durante os próximos dous anos. A firma, pertencente á Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (Cogami), resultou adxudicataria do contrato licitado polo Concello de Fene cunha oferta económica lixeiramente superior aos 90.000 euros anuais. Desta maneira, e a piques de facerse os dez anos da súa construción, a apertura do Punto Limpo compartido polos tres municipios vese cada vez máis próxima. Nestes momentos estase á espera de que a Xunta de Galiza achegue os permisos necesarios para o inicio da actividade, solicitados pola concesionaria a primeiros de febreiro.

A entrega simbólica das chaves do Punto Limpo foi seguida dunha pequena visita polas instalacións na que participou o alcalde de Cabanas, Carlos Ladra; o tenente alcalde e concelleiro de medio ambiente, Iago Varela; a concelleira de servizos, Eva García; o alcalde de Fene, Juventino Trigo; o concelleiro de medio ambiente de Fene, Justo Ardá; e o alcalde de Ares, Julio Iglesias. Todos coincidiron en que este punto virá a mellorar a xestión dos residuos e un tratamento axeitado para moitos materiais que neste intre se están deixando na rúa, dentro de colectores que non corresponden ou ciscados en vertedoiros incontrolados.

Alén de previr riscos ambientais, o Punto Limpo tamén reducirá a dependencia da Mancomunidade para o tratamento de voluminosos, aparellos electrónicos e outros tipos de refugallos domésticos que non poden depositarse nos colectores convencionais. Por outra banda, tanto os representantes municipais como os da concesionaria destacaron que a xestión das instalacións e do servizo se levará a cabo por medio dunha iniciativa de integración social, xa que COREGAL é un centro especial de emprego sen ánimo de lucro con máis de trinta anos de experiencia na xestión integral de residuos. A empresa conta con 207 traballadores dos que o 84% son persoas con discapacidade.

A construción das instalacións do Punto Limpo do Vilar do Colo finalizou en outubro de 2013 tras un investimento próximo aos 241.000 euros financiados con cargo ao Plan de Xestión de Resíduos Urbanos de Galicia 2010-2020. Desde aquela houbo varias tentativas de poñelo en marcha que non chegaron a callar, debido principalmente á complexidade administrativa de artellar un sistema de xestión compartido entre varios municipios.

O importe do sostemento do servizo está cuantificado en 90.137,84 euros anuais (IVE incluído) e o contrato terá unha duración inicial dun ano prorrogable por outro máis. Os custes serán asumidos polos concellos en proporción á súa poboación, de maneira que Cabanas afrontará o 14,90%, Fene o 58,57%, Ares o 26,53.

Pendente de que a Xunta autorice a apertura

Unha vez que a empresa xa se fixo cargo das instalacións, e presentou en febreiro o correspondente proxecto de explotación na Consellaría de Medio Ambiente, estase á espera de que a Xunta realice a primeira inspección e tramite a autorización ambiental para a súa apertura. Tanto os responsables municipais como os da propia COREGAL confían en que os permisos autonómicos poidan obterse no prazo máis breve posible, co obxectivo de que o servizo poida empezar a funcionar sen máis demoras.

No momento en que o Punto Limpo abra as súas portas atenderá de luns a sábado -40 horas semanais- para a recepción de refugallos domésticos que non poden depositarse nos colectores convencionais. Ademais tamén contará cun punto de economía circular totalmente equipado para que a veciñanza poida reparar ou intercambiar aparellos e enseres aos que aínda lles quede vida útil. “Aqueles refugallos, sobre todo equipos electrónicos e eléctricos que funcionen ben, subiranse a unha web e a xente poderá vir por aquí e levalos sen custe”, comenta o xerente de COREGAL.

A empresa concesionaria e os concellos desenvolverán proximamente unha campaña publicitaria en medios e outros soportes para informar da data concreta de apertura do Punto Limpo, dos horarios e dos tipos de resíduos que se poderán entregar nas instalacións, apostando principalmente pola “reutilización”.

Foto: César Galdo.

Share.

Comments are closed.