Constituído en Cabanas o grupo “Constantino López e Pedro Rico” da memoria histórica

Google+ Pinterest LinkedIn Tumblr +

O salón de plenos do Concello de Cabanas acolleu no día de onte un encontro con familiares de vítimas do franquismo, no que quedou constituído o grupo de traballo para a recuperación da memoria histórica “Constantino López e Pedro Rico”, que tratará de recoller toda a información dispoñíbel sobre as vítimas da ditadura en Cabanas e a súa contorna inmediata.

O alcalde de Cabanas, Carlos Ladra, e o tenente alcalde, Iago Varela, presidiron o encontro, no que se destacou que “a recuperación da memoria histórica democrática é un acto de xustiza social cos que quixeron constituír un país en liberdade, pero tamén unha mostra de que somos unha sociedade que quere restituír as súas débedas históricas desde o diálogo e a práctica democrática”. Na xuntanza tamén participaron a edil de servizos, Eva García, e a de cultura, Diana Rodríguez.

Os familiares de Constantino López e Pedro Rico presentes no encontro foron obsequiados cuns diplomas, elaborados por Laudas Calamity, conmemorativos da constitución do grupo de traballo que recordará a todas as persoas represaliadas, das que tamén se presentou unha listaxe provisional.

O neto de Pedro Rico, Constantino Rico, sinalou que “me gusta saber de onde veño para saber cara onde vou”, e a profesora Anxos García Fonte fixo un sentido relato persoal da represión tras a guerra. No encontro tamén participou Henrique Sanfiz, de Son Radiofusión, entidade que colabora na investigación e difusión. Sanfiz foi o encargado de enumerar ás persoas represaliadas no termo municipal de Cabanas, e o cantante Roger de Flor, que interpretou a canción “Notas necrolóxicas”, elaborada a partir dun poema de Celso Emilio Ferreiro.

O grupo traballará nos vindeiros meses na busca de documentación que permita seguir ampliando información sobre os sucesos, así como a inclusión de novas persoas susceptíbeis de se incorporar á listaxe.

Soaserra

Os corpos de Constantino e Pedro apareceron nun lugar da parroquia de Soaserra, en Cabanas, en decembro de 1947. Foran detidos nos seus domicilios en xullo dese ano, e levados a un lugar das Fragas do Eume, onde padeceron tortura até a morte. Querían que confesasen os lugares onde se agochaban os guerrilleiros antifranquistas.

Fotos: Natasha Miragaya

Share.

Comments are closed.