Conclúen as sesións de grupo de Memoria dun Século

Google+ Pinterest LinkedIn Tumblr +

Esta semana concluíron as sesións de grupo do programa “Memoria dun Século”, un proxecto de historia oral e saúde comunitaria con perspectiva feminista dirixido a persoas maiores, co obxectivo de elaborar o relato de cen anos de historia da parroquia de Regoela, ao tempo que se xera un espazo de cohesión social e traballa a memoria individual.

Durante os meses de outubro e novembro, as mulleres de Regoela reuníronse no lugar de Xicos para pór en común os seus coñecementos sobre a parroquia, nuns encontros guiados por Olga Romasanta de Rexenerando Sociedade Cooperativa. Tras a recollida destas testemuñas, o relato compartido perdurará na historia en formato de publicación, que verá a luz nos próximos meses.

“Con este proxecto búscase pór en valor as vidas e os saberes das mulleres, contribuíndo ao seu empoderamento e á visibilización das súas achegas á historia da parroquia”, sinalou Paula González, concelleira de igualdade.

“Memoria dun Século” é un programa organizado pola área de igualdade do Concello de Cabanas, e conta con financiamento da Xunta de Galiza a través das liña de promoción de igualdade de xénero.

Share.

.