A área de Cultura do Concello de Cabanas vén de programar o concerto «As sonoridades do tango: de Bach a Piazzolla», a cargo do Dúo Fracanapa. Este grupo, activo desde as cidades de Berlín e París, ten como eixe principal o tango, co que interpreta pezas barrocas de Bach, o jazz de Charly Parker ou os ritmos brasileiros de Egberto Gismonti, fusionando estes estilos cun colorido e estilo particular, creando músicas capaces de transmitir un espírito que vai desde o sentimento da nostalxia até unha fonda vontade de vivir.
O dúo está formado pola violinista alemá Susanne Hofmann e o bandoneonista arxentino Matías González, veciño de Cabanas desde hai uns meses, e un dos valores actuais do tango arxentino, con concertos por todo o mundo.
A actuación terá lugar o próximo venres, 16 de abril, ás 19.30h no Salón de Plenos da Casa do Concello, con todas as medidas de prevención pola COVID-19. A entrada é gratuíta, mais por motivos de control de aforo é preciso realizar inscrición previa, por correo electrónico en cultura@cabanas.gal ou a través do teléfono 981 495 959 (ext. 3 ou 6).