Concello, ANPA e colexio presentan o “Mural das emocións”

Google+ Pinterest LinkedIn Tumblr +

O Concello de Cabanas, a ANPA o Castiñeiro e o CEIP Eladia Mariño inauguraron hoxe o “Mural das Emocións”, situado nunha das paredes externas do pavillón municipal, e executado polas muralistas de Cestola na Cachola.

A actividade enmárcase dentro do proxecto de patios inclusivos, que ten entre os seus obxectivos conectar os procesos de ensinanza – aprendizaxe coa realidade cotiá, espertar o interese e promover a sensibilización das nenas e nenos, profesorado e familias polo medio ambiente, e enriquecer o espazo, concibido como un marco de aprendizaxe valioso para dar cabida a múltiples tipos de intelixencias e competencias.

Durante a xornada, tamén se presentou un vídeo resumo do traballo realizado polo profesorado e alumnado arredor do “emocionario”, unha publicación na que se explican varias emocións como a alegría, a calma ou a vergoña, entre outras, así como o papel que xogan no día a día das persoas.

No acto participaron representantes do goberno local de Cabanas, así como do CEIP Eladia Mariño, da ANPA O Castiñeiro, do CEFORE e de inspección educativa.

A concelleira de educación, Diana Rodríguez, destacou na súa intervención “o papel do proxecto para xerar un impacto positivo na autoestima e empoderamento da infancia”, e puxo en valor “a creación de alianzas entre todas as partes implicadas no proceso educativo para levalo a cabo, na liña do obxectivo 17 dos ODS, en cuxo cumprimento traballa o goberno local desde todas as áreas”.

Pola súa banda o alcalde, Carlos Ladra, agradeceu “a implicación de toda a comunidade educativa nunha actuación real e concreta”, que poderán desfrutar todas as persoas que se acheguen ao centro educativo.

Share.

Comments are closed.