Comunicado do Concello de Cabanas sobre as novas restricións anunciadas pola Xunta

Google+ Pinterest LinkedIn Tumblr +

En relación á permanencia de Cabanas no nivel de máximas restricións anunciada hoxe polo Presidente da Xunta, como consecuencia de termos nestes momentos unha Incidencia Acumulada a 14 días superior a 500, o Concello de Cabanas quere poñer en público coñecemento as seguintes consideracións:

  • Segundo os últimos datos, o Concello de Cabanas ten unha incidencia de 30 positivos nos últimos 14 días, o que supón unha IA de 882. A práctica totalidade destes casos corresponden á residencia da DomusVi de Laraxe, algo corroborado polos datos oficiais (39 casos activos entre as persoas residentes e 9 entre o persoal).
  • • A permanencia no nivel de máximas restricións prohibe as reunións de non convivintes, a entrada e saída do termo municipal, e a apertura da hostalaría en Cabanas. Estas restricións teñen un profundo impacto na vida e na economía da veciñanza de Cabanas, e entendemos que a súa implantación ou permanencia deben ser decisións reflexionadas en función da situación epidemiolóxica real sen contar cos casos derivados nas residencias de maiores.
  •  O Concello de Cabanas considera que a adopción da IA en conxunto coas residencias de maiores é unha decisión insatisfactoria, pois non reflicte de forma real a situación epidemiolóxica, o que se pode ver de forma clara no noso concello, no que a práctica totalidade dos casos están concentrados na residencia e a circulación entre a poboación en xeral é moi escasa. Ademais, a designación da IA como único criterio agora crea agravios comparativos con decisións anteriores nas que concellos con peores incidencias acumuladas non tiveron medidas restritivas cando concentraban os seus casos en centros asistenciais.
  • O Concello de Cabanas quere ademais denunciar a contradición na que entendemos incorre Sanidade ao ter denegado o cribado xeral de toda a poboación de Cabanas solicitado polo Concello de Cabanas amparándose na concentración dos casos na residencia da terceira idade (na que si realizou cribados), e agora non aplicar este mesmo criterio aos niveis de restricións. Ou a situación está controlada e o cribado non é necesario, ou non o está e si que o é.
  • Por último, desde o Concello queremos tamén chamar a atención sobre a arbitrariedade dos prazos de posta en vigor e revisión, xa que coa evolución de casos novos dos que temos constancia, é posible que no momento da entrada en vigor dos novos niveis Cabanas estea xa cunha IA por debaixo do nivel que lle foi asignada.

Ante todo isto, o Concello de Cabanas quere expresar a súa PROTESTA formal polos criterios escollidos por Sanidade e a Xunta e a súa aplicación no caso de Cabanas, que consideramos inxustamente perxudicada, e xa ten SOLICITADO a revisión da inclusión do concello no nivel medio de restricións.

Rematamos reiterando novamente a necesidade de que toda a poboación continúe a respectar as medidas de protección cara ao coronavirus: distancia, máscara, lavado de mans, recollida nocturna, respecto ás corentenas… É máis necesario ca nunca coidarnos e coidar aos demais.

Cabanas, 22 de febreiro de 2021.

Share.

Comments are closed.