Comunicado do Concello de Cabanas con motivo do 8 de marzo

Google+ Pinterest LinkedIn Tumblr +

Como cada 8 de marzo, Día Internacional da Muller Traballadora, as mulleres reivindicamos os dereitos fronte ás inxustizas ás que a sociedade patriarcal dominada polo capital tennos sometidas. Este 8 de marzo de 2021 as mulleres estamos chamadas a facer folga en Galiza, o motivo é claro, se algo demostrou a pandemia da Covid-19 e esta crise sen precedentes, é a importancia da nosa forza para soster o presente.

Esta crise volveu a poñer o foco na profunda desigualdade do sistema económico e social coas mulleres. Na actualidade podemos constatar a precariedade laboral de moitas mulleres en Galiza, e que un ano despois de iniciarse esta crise as súas condicións laborais, económicas e sociais non melloraron, ao contrario, en moitos casos son estes sectores económicos mais feminizados aos que mais lles está afectando esta crise: os coidados, comercio, hostalería, alimentación ou o sector da limpeza; sectores que asumiron un grande risco respecto á súa saúde.

No caso dos coidados é especialmente grave a situación xa que as mulleres asumimos o rol de coidadoras, case sempre de balde para suplir as carencias nos servizos públicos que o Goberno da Xunta debería ter asumido.

Todas as crises, e en especial esta que estamos a sufrir, pon o seu acento nas clases sociais mais desfavorecidas, pero tamén é importante destacar as diferenzas de xénero. Na actualidade estamos ante unha involución dos nosos dereitos debido fundamentalmente á falla de oportunidades. Segundo a EPA, en 2020, oito de cada dez postos de traballo destruídos estaban ocupados por mulleres, ademais do risco de saír do mercado de traballo para dedicarse, na maioría dos casos, a tarefas do fogar. A taxa de actividade das mulleres baixa en niveis alarmantes e racha a tendencia de acurtar as distancias coa taxa de actividade masculina, debido fundamentalmente a que as mulleres asumimos por completo os traballos dos coidados por falla de corresponsabilidade. A crise da COVID-19 deixou en Galiza unha destrución de 21.000 empregos dos que 15.900 estaban ocupados por mulleres. Así mesmo, a fenda salarial, malia ser ilegal continúa a superar o 20% coa súa repercusión directa nas pensións.

O ano pasado o feminismo galego tomaba as rúas baixo o lema “sen coidados non hai vida” e a pandemia demostrounos o seu acerto, ao igual que as folgas históricas do 8 de marzo de 2018 e 2019.
As mulleres temos un papel esencial para o sostemento da vida e naqueles traballos esenciais para a sociedade. As caixeiras, as limpadoras, as traballadoras domésticas, as coidadoras de diferentes ámbitos, as sanitarias, etc, foron visíbeis no comeza desta crise e en apariencia recoñecidas social e institucionalmente, pero un ano despois podemos comprobar que as súas condicións laborais, económicas e sociais non melloraron.

É clave aumentar os recursos dispoñíbeis e é clave tamén visibilizar o papel fundamental das mulleres en todos os ámbitos, e por iso, dende o Concello de Cabanas tentamos avanzar nesta materia, reafirmando o valor do papel das mulleres e o noso compromiso con calquera forma de violencia machista.

O goberno municipal, e nomeadamente a Concellaría de Muller, Igualdade e LGTBI+, quere facer un recoñecemento especial ás nosas traballadoras do Servizo de Axuda no Fogar, que durante esta etapa de duras condicións seguiron coa mesma entrega e profesionalidade no desenvolvemento da súa labor na atención ás usuarias e usuarios do servizo, salvando todas as dificultades que esta pandemia esta a impor no seu traballo diario, e sen perder a calidade asistencial coa que habitualmente realizan o seu traballo. Non podemos facer outra cousa que agradecer a súa labor social fundamental nestes tempos que nos esta a tocar vivir e reiterar o noso compromiso con elas para intentar, na medida das nosas posibilidades, darlles os recoñecemento que merecen.

Cabanas, 8 de marzo de 2021.

Share.

Comments are closed.