O Concello de Cabanas informa da suspensión temporal das actividades culturais, deportivas e de servizos sociais organizadas polo Concello a partir do venres 13 de marzo e durante os vindeiros 15 días, condicionados á evolución da situación, para contribuír á prevención da expansión do coronavirus.
Nunha reunión extraordinaria, e tras estudar a situación co persoal do Centro de Saúde de Cabanas, o goberno local decidiu tomar a decisión de levar a cabo esta suspensión temporal das actividades para evitar a concentración de persoas, a expensas de outras determinacións que se poidan adoptar desde os organismos competentes.
O Concello de Cabanas tamén limita a atención ao público nas dependencias municipais a casos de extrema necesidade, polo que se insta á veciñanza a empregar a sede electrónica municipal, accesíbel desde cabanas.gal ou o teléfono 981 495 959.
No bando publicado esta mañá, o Concello de Cabanas recomenda ás asociacións e entidades do concello que eviten aglomeracións, e á veciñanza que evite os desprazamentos e visitas a centros de maiores e hospitais que non sexan imprescindíbeis.
Por último, o goberno de Cabanas tamén fai un chamamento á poboación para que siga as recomendacións en materia de prevención emitidas polas autoridades sanitarias, así como a que se evite a propagación de bulos ou informacións non contrastadas por redes sociais, e lembra o teléfono de atención gratuíto 900 400 116.