Cabanas súmase á campaña de prevención do acoso sexual na empresa #NonSexasCómplice

Google+ Pinterest LinkedIn Tumblr +

O Concello de Cabanas súmase á campaña de prevención do acoso sexual na empresa #NonSexasCómplice, impulsada pola Asociación Euroeume en colaboración coa Asociación de Empresarios Seara.

O acoso sexual supón unha forma de violencia de xénero á que 4 de cada 10 mulleres tiveron que facer fronte nalgún momento da súa vida, tal e como se desprende da Macroenquisa de Violencia contra a Muller 2020. Concretamente, 1 de cada 5 mulleres que vivenciaron acoso, sufrírono no entorno laboral. Esta realidade fai evidente a necesidade de implementar accións concretas que nos permitan previr o acoso no eido laboral.

A campaña #NonSexasCómplice pretende poñer o foco nesas pequenas accións cotiás que en moitos casos son normalizadas pero que tamén poden constituír acoso sexual, tales como os piropos, as brincadeiras ou a proposta de citas e encontros. Ademais, sinálase a responsabilidade que todas e todos temos na prevención do acoso sexual na empresa, aportando catro pautas básicas de actuación que todas e todos podemos aplicar:

  1. Tolerancia cero fronte ao acoso sexual.
  2. Promove un clima de respecto.
  3. Informa se coñeces unha situación de acoso.
  4. Acompaña, se alguén denuncia unha situación de acoso.

Previr o acoso sexual na empresa é tarefa de todas e todos: #NonSexasCómplice

Share.

Comments are closed.