Domingo, Setembro 26

Cabanas saca a licitación obras por máis de medio millón de euros

Google+ Pinterest LinkedIn Tumblr +

O Concello de Cabanas informa de que nas últimas semanas sacou a licitación obras por un importe total de 529.444,61 €, algunhas das cales xa están adxudicadas e outras estarano nos próximos días. Trátase de actuacións que contemplan a reparación do firme de camiños, obras de saneamento, actuacións en parques e xardín e infraestruturas culturais, medioambientais e turísticas.

En canto a traballos no firme de camiños, recentemente foron adxudicados os traballos de mellora no Camiño do Rolo e Camiño do Muíño, por un importe de 75.673,69 €, e o camiño de Igrexario a Xabariz, por 30.976 €, mentres que a reparación dos camiños de Horta, Pereiro e Río dos Carneiros, por un importe total de 50.432,42 €, atópase en fase de licitación. Estas obras contan con financiamento da Deputación da Coruña, agás o camiño de Igrexario  a Xabariz, que se financian con fondos AGADER da Xunta.

A conexión da rede de sumidoiros desde a Área Recreativa da Veiga a Batán (2ª fase) por un importe de 112.425,66 €, e financiada con fondos da Deputación da Coruña, e a substitución de tubaxes de fibrocemento nas rúas “Os Salgueiros” e “Corredoira da Igrexa”, cun orzamento de 49.854,9 € e financiada con fondos da Xunta son as dúas obras de saneamento que están en fase de licitación.

No que ten a ver cos parques e xardíns, está en proceso de licitación a mellora das instalacións recreativas en Pedra do Couto por un importe de 45.385,54 €, que serán financiados con fondos da Deputación da Coruña, mentres que a cuarta fase da reparación da Escola Laica, que acollerá a Casa da Cultura de Cabanas, será financiada con fondos propios por un importe de 106.891,68 euros, e se atopa tamén en proceso de licitación.

Por último, a obra de construción do Centro de Interpretación do Medio Mariño de Cabanas (CIMM Cabanas), ao carón da Oficina de Información Turística, vén de ser adxudicada por 57.804,72 €, que serán financiados con fondos europeos a través do GALP.

O goberno municipal valorou o alto número de licitacións destas últimas semanas, resultado dun “importante esforzo técnico durante os anos 2020 e 2021 para proxectar solucións a diversos problemas detectados, mellorar os servizos e mirar ao futuro con novos espazos públicos que reverterán nun maior enriquecemento social, cultural e turístico”.

Ademais, o goberno de Cabanas adianta que nas próximas semanas informará de novas licitacións, entre as que se atopan “as humanizacións previstas para o entorno do Areal e diferentes reparacións de firmes de camiños municipais”.

Share.

Comments are closed.