Cabanas saca a licitación as obras de mellora do saneamento e humanización do entorno do Areal

Google+ Pinterest LinkedIn Tumblr +

O Concello de Cabanas vén de sacar a licitación as obras para a conexión da rede de saneamento e reparación de augas pluviais no Parque do Areal, unha actuación que tamén inclúe a humanización e a mellora da accesibilidade no cruce da Avenida do Areal coa Travesía do Areal, principal entrada peonil ao entorno da Praia da Madalena desde o núcleo urbano da calidade.

Con estas obras o Concello de Cabanas arranxará as deficiencias da rede de saneamento e augas pluviais na zona do Areal, onde se teñen detectado diferentes contaminacións de fecais na rede pluviais canalizadas ao Río Penso, que desemboca na Praia do Fabal. A nova rede de saneamento canalizarase até o colector de augas residuais situado no Paseo da Madalena.

Por outra banda, no parque do Areal procederase a arranxar a zona afundida, coa instalación de novos colectores de pluviais e rehabilitación do parque nesa área, próxima á vía do tren. Así mesmo, tamén se conectará á rede de saneamento a marxe esquerda da rotonda da N651 e a Travesía do Areal,

O orzamento destas actuacións ascende a 244.966,05 €, dos cales 158.938,71 € correspóndense con fondos propios, e 86.027,34 € serán subvencionados pola Deputación da Coruña a través do POS+ adicional 2020. Aquelas empresas interesadas poden presentar as súas ofertas até o 20 de setembro.

O goberno local amosou a súa satisfacción polo avance nos trámites deste proxecto, complicado polo número de afeccións, e cuxas actuacións “veñen a solucionar un importante problema medioambiental e urbanístico na zona urbana”.

Share.

Comments are closed.