O Concello de Cabanas anuncia que retoma parcialmente as actividades socio-culturais, deportivas e recreativas para adultos, así como as musicais en todos os niveis, que se desenvolverán con maiores limitacións de aforo e cun restritivo protocolo de protección pola crise sanitaria da COVID-19.
Tanto as actividades culturais como as deportivas estarán dispoñíbeis unicamente para persoas adultas. Así, como actividade cultural ofrecerase unicamente corte e confección (tres grupos, un nas Viñas e dous en Laraxe), mentres que no ámbito deportivo haberá ioga, taichi e ximnasia pélvica e hipopresiva nas Viñas, pádel na Veiga, e exercicio físico para a saúde e pilates no Pavillón de Porto. O número de prazas por actividade está limitado a 8 persoas nas actividades de Laraxe, 10 na das Viñas e 12 no pavillón de Porto.
Por outra banda, o Concello de Cabanas tamén ofrece as actividades musicais, todas de carácter individual e dispoñíbeis tanto para persoas adultas como para menores. As persoas interesadas poden elixir entre as seguintes actividades: iniciación á música, linguaxe musical, harmonía, análise, violonchelo, piano e guitarra.
As persoas participantes interesadas en participar destas actividades deben asinar unha declaración responsábel na que se comprometan a non participar se teñen ou tiveron síntomas compatíbeis coa COVID-19 ou contacto directo con persoas positivas ou en estudo da enfermidade nos últimos 15 días, así como a cumprir estritamente os protocolos establecidos polo Concello de Cabanas para o desenvolvemento seguro das actividades.
Desde o Concello lémbrase tamén que existe unha bonificación do 10% tanto para as persoas participantes membros de familia numerosa, como para aqueles membros dunha unidade familiar na que os ingresos per cápita non acaden o IPREM, como nos casos nos que participen tres ou máis membros da mesma unidade familiar. Ademais, en casos excepcionais, pódese acordar a bonificación total previo informe do departamento de Servizos Sociais.
O prazo de inscrición abrirá o próximo luns día 5, e na outorgación das prazas seguirase a orde de rexistro, que se poderá facer de maneira presencial ou, preferiblemente, de maneira telemática. No caso de inscricións telemáticas, débese cubrir unha instancia e xeral e anexar a documentación requirida (cubrir os modelos que se poden descargar a continuación)
- Declaración responsábel COVID-19 [Obrigatorio para TODAS as actividades]
- Ficha inscrición e información actividades socio-culturais e deportivas [Obrigatorio para actividades socio-culturais e deportivas]
- Folla domiciliación bancaria actividades socio-culturais e deportivas [Novas altas ou cambios no número de conta]
- Ficha inscrición actividades musicais [Obrigatorio para actividades musicais]
- Folla domiciliación bancaria actividades musicais [Novas altas ou cambios no número de conta]
- Autorización menores de idade [Obrigatorio para actividades musicais nas que participe un menor]
- Solicitude bonificación actividade
- Solicitude baixa actividade