O Concello de Cabanas, a través da área de servizos sociais, vén de pór en marcha unha nova edición do programa Envellecemento Activo que, atendendo á situación sanitaria, celebrarase na modalidade a distancia.
Entre os obxectivos deste programa están o de previr o illamento social, propoñer actividades socioeducativas de estimulación cognitiva, física e emocional ou poñer en valor e divulgar os saberes das persoas maiores asociados á cultura popular e á memoria colectiva, enriquecendo e dignificando a identidade local do concello.
Para levalo a cabo, as persoas participantes recibirán cada mes un caderno de actividades con propostas de exercicios e dinámicas sinxelas. Unha parte delas son actividades sen retorno, que engloban exercicios de estimulación cognitiva básicos, e outra parte, as actividades con retorno, son exercicios de estimulación asociados á recuperación e divulgación da memoria colectiva.
“Estas actividades converteranse nun material para a devolución social, con contidos como receitas, nomes de lugares, apeiros de labranza ou saberes”, sinalou a concelleira de servizos sociais, Diana Rodríguez.
O programa será facilitado por Olga Romasanta, técnica da cooperativa sen ánimo de lucro Rexenerando, especializada no desenvolvemento de proxectos de intervención sociocomunitaria nos eixos da igualdade, participación social, cultura e memoria colectiva.
En total ofértanse 30 prazas para participar neste programa, dirixido a maiores de 55 anos. As persoas interesadas en participar poden dirixirse ao correo servizos.sociais@cabanas.gal ou chamar ao 981 495 959 (ext. 6).