O Concello de Cabanas reafirmou onte o seu compromiso co Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, coincidindo coa celebración da asemblea xeral do grupo, celebrada de maneira telemática por mor da situación sanitaria.
En dita xuntanza, a concelleira de igualdade e representante de Cabanas no Fondo Galego, Paula González, adiantou que o Concello incrementará este ano a súa aportación económica ao grupo, co obxectivo de potenciar a cooperación e as actividades desenvoltas polo Fondo.
A asemblea xeral do Fondo Galego acordou cofinanciar, cun total de 99.813 euros, catro proxectos de ONGD galegas na India, Nicaragua, El Salvador e Guatemala, repartidos do seguinte xeito:2
- 25.000 euros á Fundación Vicente Ferrer para facer efectivo o dereito á vivenda e ao saneamento de 34 familias rurais no distrito indio de Kurnool.
- 25.000 euros a Amigos da Terra para fortalecer a capacidade produtiva e a participación en nove cooperativas pesqueiras nicaraguanas, co fin de mellorar a xestión pública no Departamento de Chinandega.
- 25.000 euros a Solidariedade Internacional de Galiza para mellorar a educación nas comunidades indíxenas Ch’orti’ de Guatemala.
- 24.813 euros á Asociación Galega de Comunicación para o Cambio Social para traballar con mulleres lideresas a prol da sustentabilidade ambiental en El Salvador.
Por outra banda, a asemblea xeral do Fondo Galego tamén se lle deu luz verde ao Plan de Actividades e ao orzamento para 2021, que contempla proxectos de cooperación directa en Mozambique e Guinea – Bissau e mais unha reserva de fondos para axuda humanitaria.
A área de sensibilización inclúe, así mesmo, as actividades do proxecto europeo People & Planet, no que o Fondo Galego participa canda entidades de outros oito países para concienciar á mocidade sobre as graves consecuencias do cambio climático, ademais de reforzar aos gobernos locais na promoción da sustentabilidade ambiental. Paula González confirmou que “o Concello de Cabanas será beneficiaria dalgunha das actividades do programa People & Planet”.