Cabanas programa unha nova andaina desde Soaserra

Google+ Pinterest LinkedIn Tumblr +

O Concello de Cabanas, a través da Concellaría de Deporte, informa do roteiro que se realizará neste mes de agosto de 2021: Roteiro Soaserra- Coto Redondo – Mosteiro de Caaveiro – Río Eume – Soaserra.

Realizarase o sábado 28 de agosto, con saída ás 11:00 horas desde o lugar de Igrexario. Tratarase dunha ruta circular, facendo un percorrido de 15 quilómetros, cun desnivel de subida sobre 400 metros, polo que a súa dificultade será alta. Será unha ruta que durará ata a media tarde, polo que cada un dos participantes terá que levar bocadillo para o mediodía.

Aínda que esta ruta terá descensos por pistas esvaradías con lousas soltas, polo que é
recomendable o uso de bastóns, tratarase dunha preciosa ruta circular que levará en parte por camiños esquecidos ata o Mosteiro de Caaveiro, voltando seguindo un tramo do río Eume por outro dos camiños que non son utilizados en ningunha ruta marcada e que é, sen dúbida, a de menos pendente que se pode atopar para chegar as zonas altas dos Concellos de Cabanas e A Capela. Como puntos de interese, destacan as vistas sobre os canóns e o Mosteiro de Caaveiro.

O prazo de inscrición comezará mañá martes 17 de agosto e rematará o martes 24 de agosto
de 2021. Poden inscribirse enviando un correo electrónico a deporte@cabanas.gal. Os datos
necesarios para a inscrición son os seguintes: nome e apelidos, NIF, teléfono de contacto, e data de nacemento. Co obxectivo de completar información estatística das actividades organizadas pola Concellería de Deporte, agradécese que se indicara tamén a localidade de procedencia.

O Concello axustarase ás medidas de prevención específicas establecidas pola Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia. A data de hoxe, permítense grupos de ata un máximo de 20 persoas máis o monitor (procurando manter a distancia de seguridade interpersoal durante o desenvolvemento da ruta, excepto no caso de persoas conviventes), polo que as prazas asignaranse por rigoroso orde de inscrición.

Recoméndase levar roupa e calzado adecuados (botas ou zapatillas de montaña con taco).
Recordamos que toda actividade física require dun mínimo de preparación e estar exentos
de patoloxías médicas que desaconsellen esta actividade deportiva.

Share.

Comments are closed.