O Salón de Plenos da Casa do Concello de Cabanas acollerá a partir deste sábado a representación de cinco obras de teatro que se enmarcan no ciclo de “Sábados Teatrais” organizados pola área de cultura.
A programación iníciase o sábado 1 de outubro, coa representación da obra “A idade do pavosaurio”, do grupo de teatro cabanés Licor Café. Trátase dunha comedia familiar na que se escenifican as peculiares relacións domésticas que poden xurdir nun fogar no que conviven dúas xeracións de persoas adultas.
Unha semana despois, o sábado 9 de outubro, decorrerá “Un morto moi vivo”, da Asociación Club de Maiores de Boqueixón, que narra a historia de Delmiro, un home chego de débedas que a partir dunha caída na casa decide preparar o seu velorio por todo o alto. O sábado 15 de outubro, a Asociación Cultural Quemaisten Teatro representará “Sainetes”, unha composición de catro pezas xocosas que fan honor aos sainetes, que lle dan nome.
O sábado 22 de outubro, Malasombra Producións presentará “Bernarda”, unha historia que toma como punto de partida “La casa de Bernarda Alba”, escrita por Lorca no 36, mais trasladando a acción a unha vila galega corenta anos despois, en 1975, nun momento no que ansias de cambios chocan coas tradicións máis arraigadas, coma o loito.
A última representación será unha a obra “Duncan de palleiro”, de Lilá Teatro, unha obra destinada ao público infantil que narra as aventuras dun día na vida de Duncan, un can Palleiro coñecido por ser “o Príncipe das Corredoiras.
A concelleira de cultura, Diana Rodríguez, animou á veciñanza a participar deste ciclo “que serve para achegar a cultura do teatro a persoas de todas as idades”, e lembrou que tras a eliminación das restricións COVID “elimínase tamén a necesidade de reservar praza”, polo que o acceso ás obras será libre até completar o aforo.
Todas as representacións iniciaranse ás 19h, agás a obra infantil do 29 de outubro, que será ás 12h. A programación está incluída no Programa da Rede Cultural da Deputación da Coruña.