Cabanas presenta unha campaña do 25N chea de actividades

Google+ Pinterest LinkedIn Tumblr +
O Concello de Cabanas vén de presentar a súa campaña con motivo do 25 de novembro, Día contra a Violencia Machista, que baixo o lema “Rachemos co silencio” inclúe toda unha serie de actividades gratuítas que se desenvolverán ao longo de todo o mes de novembro.
Así, os sábados 16 e 23 de novembro, de 11 a 13 horas, terá lugar un obradoiro de batucada feminista a cargo do Tania Redondo, no que as participantes aprenderán a construír instrumentos de batuca e os principais ritmos desta. A actividade terá lugar no salón de plenos, e para participar é preciso inscribirse no teléfono 981 495 959 (ext. 6 ou 2) ou no correo igualdade@cabanas.gal.
O propio 25 de novembro, ás 17h, Cabanas fai un chamamento a participar no pintado do “Banco contra a violencia machista” no Paseo da Madalena (que se sumará ao Banco da Diversidade), e a celebración dunha batucada feminista, aberta a todas as persoas que queiran participar.
Finalmente, o sábado 30 de novembro, entre as 10.30 e as 12.30h, terá lugar un obradoiro de empoderamento feminino a cargo de Paula Paz, que se celebrará no concello vello. Esta actividade tamén precisa inscrión previa no teléfono 981 495 959 (ext. 6 ou 2) ou no correo igualdade@cabanas.gal.
“O obxectivo desta campaña é facer un chamamento á sociedade a rachar co silencio, a non ser cómplices da violencia machista. E, ao tempo, potenciar o empoderamento feminino como ferramenta para acabar coa lacra do terrorismo machista”, sinalou Paula González, concelleira de igualdade, quen tamén fixo un chamamento ás mulleres de Cabanas a participar nas actividades programadas.
Actividades nos centros de ensino
Ademais das actividades abertas ao público, e dentro desta mesma campaña do 25 de novembro, o Concello de Cabanas tamén vai levar a cabo dous obradoiros nos centros de ensino.
No CEIP Eladia Mariño celebrarase un obradoiro de prevención da violencia de xénero a través da educación afectivo – sexual, mentres que no IES Fraga do Eume terán lugar dous obradoiros, un sobre cultura menstrual e outro sobre as novas masculinidades.
Concellos en negro
Por último, o Concello de Cabanas tamén entrou a formar parte da rede de “concellos en negro” pola violencia machista, que busca traballar de forma unitaria contra a violencia exercida contra as mulleres.
Share.

Comments are closed.