Cabanas presenta en Turexpo a súa oferta turística a turoperadores nacionais e internacionais

Google+ Pinterest LinkedIn Tumblr +

O Concello de Cabanas participa na feira de turismo Turexpo Galicia, que se está a celebrar esta fin de semana no recinto feiral de Silleda, onde esta mañá presentou as súa oferta turística a 14 turoperadores, nacionais e internacionais, que buscan propostas para ofrecer á súa clientela.

O tenente alcalde e edil de turismo, Iago Varela, xunto coa técnica municipal de turismo, María Taibo, participaron na bolsa de contratación da feira, onde mantiveron encontros con firmas de outros territorios do estado (Madrid, Barcelona, Sevilla e Salamanca), e de outros países (Italia, Portugal, Escocia), interesados en buscar alternativas turísticas de calidade, especialmente nos campos do ecoturismo, o turismo cultural e as experiencias slow, nos que Cabanas está a traballar nos últimos dous anos.

“O potencial que ten Cabanas permítenos ofrecer diferentes paquetes turísticos, e orientalos tanto ás persoas que buscan experiencias de turismo activo na natureza, como ás que prefiren a vertente máis cultural, gastronómica, ou mesmo unha combinación de todas elas”, sinalou Iago Varela, quen tamén amosou a súa satisfacción polo resultado dos encontros mantidos en Turexpo. “A nosa oferta chamou a atención dos turoperadores, que veñen constatando un crecente interese do público por un turismo con consciencia ambiental e polo turismo slow, especialmente tras a pandemia”, concluíu.

As persoas que visiten Turexpo durante esta fin de semana, poderán descubrir a oferta turística de Cabanas dentro do stand da Área de Turismo da Deputación da Coruña.

Share.

Comments are closed.