O Concello de Cabanas vén de presentar a súa campaña polo 8 de marzo, que leva por lema “Derrubando o patriarcado: pola dignificación dos coidados”. Con ela, Cabanas súmase aos movementos feministas, que neste 8M están a pór o foco na visibilización dos coidados como eixo das reivindicacións.
Para esta cita o Concello de Cabanas distribuirá dous modelos de chapas, e programou unha actividade que terá lugar o sábado 7 de marzo a partir ás 12 da mañá no Banco contra as Violencias Machistas do Paseo da Madalena (ou, no caso de choiva, baixo a pérgola do Parque do Areal).
A actividade, que non precisa de inscrición previa, iniciarase cunha charla – debate baixo o título “Derrubando o patriarcado: o feminismo, movemento individual e social”, na que se busca a interacción de todos os públicos para cuestionar mitos, sentir, e falar de liberdade e cooperación. A continuación, crearase un mural conxunto que quedará durante varios días exposto no entorno do Piñeiral da Madalena.
“Cabanas súmase aos movementos feministas neste 8-M para visibilizar os coidados”, sinalou a concelleira de igualdade, Paula González, quen animou a toda a veciñanza “a reivindicar o papel da muller e participar das actividades programadas”.
Por outra banda, a través do equipo de mediación do IES Fraga do Eume no que participa o Concello, farase unha actividade centrada tamén na visibilización dos coidados, recollendo fotos que o alumnado pode sacar e que se proxectarán durante toda a mañá na entrada do IES o día 10 pola mañá.