O Concello de Cabanas presentou hoxe a imaxe de marca do Centro de Interpretación do Medio Mariño (CIMM) de Cabanas, o primeiro centro destas características que se porá en marcha en Galiza.
O obxectivo principal deste proxecto, promovido pola área de medio ambiente do Concello de Cabanas, é conxugar un servizo público vencellado á protección do medio mariño, para pór en valor o medio e revalorizar o ecosistema mariño, ao tempo que servirá como lugar de encontro para canalizar o coñecemento sobre o mundo do mar, a través de diversas accións museísticas, formativas e de divulgación.
O proxecto do CIMM de Cabanas está previsto para desenvolverse en 30 meses, e contempla a construción dun edificio modular (o centro en si, que se levará a cabo o próximo ano), así como a creación da imaxe de marca e preparación de materiais didácticos dirixidos a escolares, ás familias do mar e á poboación xeral para a súa posta en marcha.
“O CIMM será un espazo de encontro e de transmisión de coñecemento das xentes do mar, así como tamén un lugar referencial para o coñecemento do medio mariño e aposta en valor de Cabanas como lugar de referencia para coñecer a ría”, sinalou o tenente alcalde e concelleiro de medio ambiente de Cabanas, Iago Varela.
A creación da imaxe de marca do Centro de Interpretación do Medio Mariño de Cabanas supón a primeira fase para facer realidade este proxecto. Unha imaxe de marca na que a disposición das siglas recollen o espírito dun mar en movemento.
“Deseñamos o proxecto para desenvolverse en tres anualidades, prevendo neste 2020 o deseño do centro e o desenvolvemento da imaxe de marca; a construción do edificio do centro en 2021 e no 2022 completar o abano de actividades e a exposición para poñelo a pleno funcionamento”, detallou Varela.
O proxecto do Centro de Interpretación do Medio Mariño supón un investimento de 127.292 €, dos cales 84.337 corresponden á subvención concedida polo GALP.