Cabanas presenta a campaña polo 8M

Google+ Pinterest LinkedIn Tumblr +

O Concello de Cabanas, a través da Concellaría de Igualdade, presentou hoxe a campaña municipal polo 8 de marzo, que este ano celebra co lema “Quérete”, e cuxa imaxe foi deseñada polo ilustrador Juanlu Nacha.

Debido á situación epidemiolóxica que estamos a vivir, a celebración desta xornada reivindicativa trasladarase á rede, coa organización do café virtual “Xuntas” o propio 8 de marzo ás 17 horas, e a distribución de “Coidamos Vidas”, a nova guía do Servizo de Axuda no Fogar elaborada polo Concello de Cabanas, na que se pon en valor o traballo das profesionais do servizo, especialmente nunha situación coma a da COVID.

O encontro “Xuntas” será unha xuntanza informal e distendida de mulleres – facilitada pola educadora social Paula Paz – que ten como obxectivo reflexionar e compartir pensamentos, experiencias e opinións. Está dirixido a mulleres maiores de 16 anos, e as interesadas en participar poden reservar a súa praza no teléfono 649 075 263 ou por correo electrónico, escribindo a igualdade@cabanas.gal. As participantes nesta actividade recibirán un colar reivindicativo do 8M coa imaxe do cartaz deseñado por Juanlu.

Por outra banda, o Concello de Cabanas tamén ten prevista a publicación, difusión e distribución da Guía do Servizo de Axuda no Fogar do Concello de Cabanas “Coidamos Vidas”. Trátase dunha publicación que nace do “Programa de Intervención Psicosocial e Promoción do Benestar” para atender ás auxiliares de Axuda no Fogar, en canto ás súas necesidades de apoio emocional no contexto COVID e post-COVID, e posibilita a creación dun espazo de resiliencia e coidado para elas no que se fortalecen os seus lazos como grupo.

“Con esta campaña, á parte de reivindicar o papel das mulleres nos coidados, facemos un chamamento ás mulleres a autocoidarse, a quererse”, sinalou a concelleira de igualdade, Paula González, quen tamén animou ás veciñas do concello a participar das actividades programadas.

Campaña da Deputación da Coruña

O Concello de Cabanas tamén se sumou á campaña da Deputación da Coruña, que organiza diversas actividades abertas e gratuítas a través de da web i.gal/oitoM.

Entre estas actividades destacan os foros sobre a situación das mulleres nos tempos da COVID-19, ou os obradoiros “Saúde, corpos e violencias”, “Emprego, precariedade e feminización da pobreza” e “Coidados e sustentabilidade das vidas”.

Share.

Comments are closed.