O Concello de Cabanas anunciou hoxe os avances no proxecto para solucionar os históricos problemas de accesibilidade e dotación de servizos na Avenida do Areal (N-651), principal arteria urbana de Cabanas, un proxecto no que o goberno local leva meses traballando.
O principal obxectivo desta actuación é a mellora da accesibilidade – actualmente inexistente – e seguridade viaria, coa instalación de novos pasos de peóns e beirarrúas adaptadas a todas as necesidades de mobilidade, co obxectivo de reducir o risco de accidentes, especialmente aqueles nos que poidan estar involucrados peóns.
Por outra banda, a actuación tamén contempla o cambio das luminarias actuais por iluminación LED, que repercutirá nun considerábel aforro enerxético; a instalación dunha nova canalización para a subministración de auga que substitúa a existente de fibrocemento; e o cambio da rede de saneamento, que na actualidade adoece de fisuras e filtracións polo seu estado de desgaste.
Ademais, o proxecto reordena as prazas de aparcadoiro, coa creación de zonas para o estacionamento en batería, crea novas zonas para carga e descarga, reubica as paradas de autobuses en lugares máis seguros e ordena os dous cambios de sentido que existen no tramo total, comprendido entre a rotonda de entrada á vila e o entorno do Supermercado Comesano.
Levar a cabo estes traballos de humanización do entorno urbano suporá o investimento de 413.924,88 €. O pleno do Concello de Cabanas acordou apoiar a proposta do goberno local de solicitar á Deputación da Coruña unha subvención nominativa por importe de 180.000 €.
O obxectivo do goberno local é que a execución deste proxecto “sexa a primeira de varias fases que avancen na humanización do entorno urbano ao paso da N651, tanto no entorno da Avenida do Areal como na Avenida de Laraxe”, e xa traballan co resto de administracións para conseguir o financiamento para poder levalas a cabo.