O Concello de Cabanas, a través da Concellaría de Igualdade, vén de pór en marcha a rede de mulleres Tribo, e abre o prazo para inscribirse nos obradoiros semipresenciais “A arte de coidarse”, impartidos por Noelia Darriba, educadora social e facilitadora de terapia de reencontro, e Naiara González Fontenla, educadora social e facilitadora de biodanza.
“Ante a situación especial provocada pola COVID-19, que agrava a situación das mulleres en múltiples dimensións, como son a sobrecarga dos coidados, a precariedade laboral e a violencia de xénero, o Concello de Cabanas impulsa o proxecto A arte de coidarte, co fin de crear un espazo grupal onde poder poñer a conciencia no coidado propio, o autocoidado”, sinalou a concelleira de igualdade, Paula González.
A través de 14 “pinceladas” de autocoidado, Noelia Darriba e Naiara G. Fontenla, axudarán ás participantes a reflexionar sobre o tempo e as accións que adican ao coidado e autocoidado desde unha perspectiva de xénero, a administrar nas súas vidas un tempo propio de autocoidado e desenvolvemento persoal, e a practicar accións que axuden a mellorar o seu estado de benestar emocional, mental e físico.
As dúas facilitadoras proporán actividades que proveñen de diversas disciplinas corporais e terapéuticas, como a Terapia de Reencontro, o Ioga, a Biodanza ou o Mindfulness, para que as participantes tendan a darse, permitirse, mimarse e escoitarse.
O proxecto iniciarase ao longo do mes de agosto, unha vez feito o grupo, e terá un máximo de 25 prazas. Para informarse ou inscribirse deberá chamarse aos teléfonos 649075263 ou 981495959 (ext. 6).
A actividade, organizada pola Concellaría de Igualdade, conta co financiamento de Vicepresidencia e a Consellaría de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, a través da Secretaría Xeral de Igualdade, e cofinanciada polo Fondo Social Europeo (FSE) con cargo ao programa operativo FSE Galicia 2014 – 2020.