O Concello de Cabanas, a través da área de igualdade, vén de pór en marcha a campaña “Agasalla igualdade: non hai xoguetes de nena ou de neno”, coa que convida á veciñanza á reflexión á hora de escoller os agasallos que encargan ao Apalpador, Papá Noel ao aos Reis Magos para as crianzas nestas datas de Nadal.
A campaña pon o foco neses produtos que a industria do xoguete pretende diferenciar por sexos, transmitindo prexuízos e estereotipos de xénero discriminatorios que limitan o pleno desenvolvemento e a liberdade de elección real tanto para nenas como para nenos. Para iso desde Cabanas convidan a “apostar por xoguetes neutros e desbotar aqueles que fomentan a desigualdade e a discriminación das mulleres”.
“Eliminar os tabús das cores, dos xoguetes para neno ou nena, e apostar por aqueles que permitan ás crianzas medrar en liberdade son os principais obxectivos desta campaña”, sinalou a concelleira de igualdade de Cabanas, Paula González.
Agasallos de Nadal e roles de xénero
Segundo se recolle no último estudo sobre estereotipos de roles de xénero na publicidade de xoguetes realizado polo Instituto da Muller, as nenas represéntanse maioritariamente como arquetipos de beleza (32,7% dos casos) ou relacionados co ámbito do fogar (como coidadoras, nais ou esposas, representando un 35,5%), fronte un 7,4% de representación como guerreiras ou heroínas. Estas cifras contrastan co papel que se lles outorga aos nenos na publicidade de xoguetes, representados maioritariamente como guerreiros (33,3%), heroes (22,2%) ou aventureiros (15,6%), fronte un 13,3% de relación co ámbito do fogar e dos coidados (8,9% en rol de coidador / pai e 4,4% como amo de casa).