Sábado, Decembro 3

Cabanas participa nunha mesa internacional de intercambio de experiencias sobre a localización dos ODS

Google+ Pinterest LinkedIn Tumblr +

O Concello de Cabanas participou onte en Pontevedra nunha mesa internacional de intercambio de experiencias sobre a localización dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostíbel (ODS), no marco do programa “People & Planet: a Common Destiny”, coordinado en Galiza polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade.

O tenente de alcalde de Cabanas, Iago Varela, foi o encargado de presentar as experiencias sobre localización da Axenda 2030 levadas a cabo polo Concello de Cabanas nunha mesa na que participaron representantes do Ayuntamiento de Bilbao (Euskadi), da Câmara Municipal de Palmela (Portugal), da Câmara Municipal de Grândola (Portugal) e da Associazione di Comuni che promuove lo sviluppo sostenibile dei territori a livello locale ed internazionale (FELCOS Umbria) (Italia).

No seu relatorio, o Concello de Cabanas abordou as iniciativas executadas polo goberno local en materia de medio ambiente, entre as que se inclúen a estratexia “Cabanas Sostíbel”, do que forma parte o programa de compostaxe doméstico e diversas accións de concienciación ambiental; o Centro de Interpretación do Medio Mariño, como exemplo de posta en valor do entorno, divulgación e coidado do medio mariño; ou o programa “Cabanas Mar”, que inclúe obradoiros de sensibilización e saídas interpretativas polo territorio, entre outras accións.

“Os gobernos locais contamos cunha posición preferente na localización dos ODS, xa que podemos actuar desde o local para contribuír a un obxectivo común global”, indicou Varela logo da súa participación na mesa de intercambio de experiencias e no debate posterior.

Sobre o Fondo Galego e o proxecto People & Planet

O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade é unha rede integrada por un cento de concellos e tres deputacións que comparten un firme compromiso en Dereitos Humanos e coa erradicación das desigualdades a nivel global, para o que se implementan proxectos de cooperación ao desenvolvemento en países empobrecidos e actividades de sensibilización social na Galiza. No período 2020 – 2024, o Fondo Galego está a participar canda outras 16 entidades de 9 países no proxecto europeo Pleople & Planet, financiado polo programa DEAR da Comisión Europea.

O principal obxectivo do proxecto é concienciar á xente nova sobre as graves consecuencias do cambio climático, para que se convertan en axentes de transformación na procura dun mundo máis sustentábel. Ademais, tamén se busca reforzar aos gobernos municipais na promoción de políticas públicas a prol do desenvolvemento sostíbel, tendo en conta a interdependencia local – global.

Neste contexto, durante os días 3 e 4 de novembro celebrouse en Pontevedra a xuntanza anual de socios europeos, en cuxa axenda foi incluída unha sesión para o intercambio de boas prácticas arredor da implementación da Axenda 2030 (ODS) no eido local, facendo fincapé nas áreas relacionadas co cambio climática, un dos aspectos chave deste proxecto.

Share.

Comments are closed.