Cabanas participa no IX Foro Infantil promovido por UNICEF no Parlamento

Google+ Pinterest LinkedIn Tumblr +

Os membros do Grupo de Participación Xuvenil do Concello de Cabanas, Brian Sánchez Purriños e Adrián López Romaus, acudiron esta mañá ao Parlamento de Galiza para participar no IX Foro de Participación Infantil, promovido por UNICEF no marco do programa de Cidades Amigas da Infancia, do que Cabanas forma parte.

O obxectivo deste Foro foi presentar as conclusións máis relevantes do II Encontro Galego de Participación Infantil e Adolescente en relación ao coidado do medio ambiente e á loita contra o cambio climático.

Brian Sánchez foi o encargado de pronunciar o discurso de apertura do Foro, no que puxo en valor a creación de espazos de diálogo no que nenas, nenos e adolescentes poden traballar sobre os temas que lles afecten, facendo especial referencia aos Obxectivos de Desenvolvemento Sostíbel (ODS) da Axenda 2030. “As administracións locais teñen un papel chave para a loita contra a fame, o acceso á saúde, a educación, a igualdade de xénero e o coidado do planeta”, sinalou Sánchez.

Desde o Concello de Cabanas, o goberno municipal sinalou que “a participación neste Foro de representantes da infancia e da adolescencia supón darlle a oportunidade ás representantes de Cabanas de ir máis aló do eido local, asegurando o seu dereito a ser escoitadas nos espazos nos que se debaten e deciden as políticas para toda a cidadanía galega”.

Share.

Comments are closed.