Cabanas participa no foro “Greencities, Foro de Inteligencia y Sostenibilidad Urbana” 

Google+ Pinterest LinkedIn Tumblr +

O Concello de Cabanas participou por primeira vez no “Greencities, Foro de Inteligencia y Sostenibilidad Urbana”, celebrado os días 29 e 30 de setembro no Palacio de Ferias y Congresos de Málaga (FYCMA). Trátase dunha das citas de referencia a nivel internacional que reúne anualmente a concellos, profesionais e empresas implicadas no desenvolvemento de territorios sostíbeis, eficientes e conectados, ofrecendo unha perspectiva global dos desafíos e oportunidades da xestión urbana.

O Greencities celébrase conxuntamente con “S-MOVING, Movilidad Inteligente y Sostenible”, co obxectivo de reforzar o papel da mobilidade como eixo fundamental na estratexia cara unha administración máis intelixente, unido a outros campos de actuación prioritarios como a gobernanza, a economía e participación cidadá, a innovación social, a financiación e desenvolvemento económico local ou o impacto dos destinos turísticos intelixentes.

A participación de Cabanas enmárcase nos traballos iniciados polo goberno local para desenvolver accións que posibiliten implementar solucións de “vila intelixente” (Smart Village), e ten como principal obxectivo coñecer as solucións e ferramentas para avanzar cara un modelo de xestión máis avanzado e a mellora dos servizos públicos coa participación de empresas e entidades especializadas.

“A transformación dixital de Cabanas pasa por implementar solucións innovadoras como as presentadas neste foro, onde tamén intercambiamos experiencias con outros municipios de todo o Estado”, sinalou o tenente alcalde e concelleiro de innovación e turismo de Cabanas, Iago Varela. Como exemplo concreto, Varela destacou que “os fondos Next Generation aos que optamos no Plan de Sostibilidade Turística en Destino da comarca do Eume serán unha oportunidade para dar un salto cualitativo e cuantitativo para avanzar como destino turístico intelixente”.

Encontro de Verónica Ramírez, directora de I+D DO Smartcity Cluster, con Iago Varela

Share.

Comments are closed.