A axente de igualdade de Cabanas, Laura Toimil, participou o pasado venres na xuntanza organizada pola Deputada de Igualdade da Deputación da Coruña, María Muíño, coas 16 axentes incoporadas aos concellos para poñer en marcha políticas de igualdade de oportunidades entre mulleres e homes e iniciativas contra a violencia de xénero, ao abeiro da convocatoria para a contratación de persoal técnico posta en marcha pola área de igualdade provincial.
Durante a xornada, que se celebrou no IES Rosalía Mera da Coruña, María Muíño deulles a benvida a todas as profesionais facendo énfase na «meta complicada» que os marcamos cando puxemos en marcha esta liña de traballo desde a Deputación «co obxecto de ir implementando en todo o territorio políticas e programas de igualdade levadas a cabo con rigor e profesionalidade, para o que necesitamos persoal especializado». A deputada asegurou que «a vosa presenza no territorio é fundamental de cara a camiñar cara unha rede de concellos en igualdade, que sigue sendo un obxectivo que nos marcamos no medio prazo».
Esta primeira xornada de coordinación, na que tamén participou o equipo técnico do Servizo de Igualdade da Deputación, serviu para profundar nas liñas de acción que se establecen desde o ente provincial e para poñer en común a situación de partida e coordinarse no traballo que se vai desenvolver ao longo dos vindeiros meses. Ao igual que en edicións anteriores, as profesionais enfocaron a xornada en torno a tres cuestións fundamentais: as políticas de transversalidade de xénero no ámbito local; a mellora da coordinación inter-institucional ante a prevención e intervención en materia de violencia de xénero; e os retos de futuro das políticas de igualdade de xénero municipais.
Xunto con Cabanas, contratáronse axentes de igualdade ao abeiro desta convocatoria nos concellos de Rois, A Pobra do Caramiñal, Boimorto, Brión, Moeche, Boiro, A Laracha, Betanzos, Mañón, Vimianzo, San Sadurniño, Arzúa e Rianxo.