Cabanas participa na comisión sobre o estado do Eume

Google+ Pinterest LinkedIn Tumblr +

O Concello de Cabanas participou hoxe na primeira reunión da Comisión sobre o estado do Eume convocada pola Xunta de Galiza, representado polo alcalde, Carlos Ladra, e o tenente de alcalde e concelleiro de medio ambiente, Iago Varela.

Na comisión, o ente Augas de Galicia explicou que as analíticas amosan unha turbidez moi alta, de até 100 NTU no peor dos casos, cando o límite fluvial son 25 e os valores normais no Eume 1,12, así como valores elevados de aluminio. Tamén explicou que Endesa entregou diversas solicitudes para rebaixar a cota mínima do encoro do Eume, fixada en 306 metros, e que malia denegalas Endesa actuou igualmente, deixando a cota en 299 metros o día 28 de agosto, 7 metros por baixo do mínimo e o valor máis baixo desde o ano 1985.

Interviñeron tamén representantes de Patrimonio Natural, que aseguraron que até o de agora non se detectou mortandade animal, e do Intecmar, que amosaron a súa cautela con respecto á afección ao banco marisqueiro xa que toman mostras mensuais e os lodos poden tardar en pousar e afectar o marisco.

ENDESA, pola súa parte, asegurou que este é un episodio excepcional, que ao poñer en marcha os desaugadoiros de fondo non era posible manter os niveis de turbidez, que “o 90% do encoro é non tóxico” e que as choivas removeron sedimentos estratificados do fondo do encoro que causaron que este episodio ocorrese.

Desde o Concello de Cabanas defendeuse unha maior apertura da comisión, tanto no que ten a ver co alcance do problema, que ten que abordar toda a problemática dos verquidos ao Eume e non unicamente os problemas de abastecemento de auga de Pontedeume, como na súa composición, na que deberían sentar todos os concellos do Eume e as Consellarías de Medio Ambiente e Mar.

Así mesmo, defendeuse a necesidade da maior transparencia, pois “é necesario facer públicas todas as análises, incluíndo metais e sólidos”, solicitou Iago Varela, así como “realizar un estudo completo da composición e situación dos sedimentos na presa”. O tenente de alcalde de Cabanas cuestionou tamén algunha das explicacións dadas pola empresa, xa que “hai imaxes que non se explican cun simple efecto das choivas”, e amosou a súa preocupación pola tranquilidade coa que se pode chegar a dicir que “o 90% do encoro é non tóxico”, preguntándose “que pasa co outro 10%”

Iago Varela volveu solicitar unha avaliación dos danos a todos os niveis (medioambiental, sectores produtivos, turismo, economía en xeral), que continúe no futuro, coa implicación específica da Consellaría do Mar para o estudo da afectación aos bancos marisqueiros, así como a posta en marcha das axudas necesarias. Así mesmo, reiterouse a necesidade da asunción e responsabilidades por parte da empresa explotadora, Endesa, e por parte da administración responsábel do seu control, a Xunta de Galiza.

Share.

Comments are closed.