Cabanas no Día Internacional contra a Homofobia, a Transfobia e a Bifobia

Google+ Pinterest LinkedIn Tumblr +

Onte, 17 de maio, celebrouse co respaldo de numerosas organizacións internacionais, o Día Internacional contra a homofobia, a transfobia e a bifobia, coincidindo ca decisión da Organización Mundial da Saúde no 1990 de eliminar a homosexualidade do listado de trastornos mentais.

Con todo, a pesar dos avances sociais, a homofobia (intolerancia cara as persoas que sinten atracción por outras do seu mesmo xénero), a transfobia (intolerancia cara as personas que non se identifican co xénero que lles asignou ao nacer) e a bifobia (intolerancia cara as persoas que se sinten atraídas polo seu xénero e outros), seguen estando moi presentes na nosa sociedade.

Por isto, este día é necesario para reivindicar os dereitos e o respecto a todas as orientacións e identidades que saian da norma, xa que, hoxe en día, os delitos de odio e a discriminación seguen moi presentes. Tanto é así que nun informe do Ministerio de Interior do 2022, detectouse un incremento do 70% no 2021 en comparación co 2020. Desta forma, España caeu do 2º ao 11º posto na clasificación europea de dereitos LGTB+.

Ademais disto, cómpre mencionar que na enquisa do Ministerio de Interior de delitos de odio do 2021, o 89% das 437 persoas que participaron, contestou que non chegou a presentar unha denuncia, sendo o medo a manifestarse como LGTB+, a desconfianza ante as Administracións e as Forzas e Corpos de Seguridade do Estado ou a crenza de que non é útil, os motivos principais.

Desta forma, a través da estratexia Cabanas Diversa, o Concello de Cabanas contribúe á visibilización e sensibilización da diversidade sexual e afectiva, destacando a nivel comarcal o papel do colectivo Avante LGTB+ Ferrolterra, que defende os dereitos das persoas LGTB+, e que organiza diversas actividades para a participación das compoñentes do colectivo e a súa visibilización e apoderamento.

Así mesmo, dende a Asociación Euroeume, coa que colaboramos, tamén se contribúe na loita contra a LGTBIQA+fobia a través dun traballo transversal en todas as áreas de actuación da entidade, así como mediante accións enfocadas directamente á propia tarefa de sensibilización, información e prevención nesta loita contra os delitos de odio que sofre o colectivo, en busca dunha sociedade visible, inclusiva, diversa, tolerante e libre. Por todo isto, a entidade levou a cabo o deseño de dúas campañas de sensibilización e visibilización.

A primeira delas aporta algúns datos informativos de porqué é necesario conmemorar este día, facendo fincapé en como saber recoñecer se eres vítima dun delito de odio e os recursos que podes atopar se precisas apoio. Pola outra banda, tamén se tenta visibilizar algunhas referentes dentro do colectivo posto que consideramos fundamental para poder construir unha identidade propia.

En resumo, desde o Concello de Cabanas e Euroeume consideramos que este traballo é vital xa que, como ven sabemos, “o que non se nomea non existe”. Para isto, o alumnado en prácticas do ciclo superior de Promoción da Igualdade de Xénero que está a realizar as prácticas na Asociación Euroeume e no Concello de Cabanas, elaborou un xogo interactivo e unhas publicacións con referentes a nivel galego para contribuír á visibilización deste día.

Enlace ao xogo | Clic aquí

Share.

Comments are closed.