O Concello de Cabanas, a través da área de turismo, presentou hoxe en Barcelona os sabores do Eume no “Gastronomic Forum Barcelona”, considerado o principal evento culinario do calendario anual das citas gastronómicas que se celebran no conxunto do Estado.
Esta presentación levouse a cabo a través dun showcooking que tivo lugar estar esta tarde no stand de turismo da Deputación da Coruña, baixo a nova marca turística e gastronómica “A provincia que sabe”. Nel, o chef Antonio Díaz, de Gastrofood AUTGA, realizou en directo dúas elaboracións: “sardiña da nosa ría curada e afumada sobre focaccia de fariña do muíño do Batán e queixo do Eume” e “tosta de churrasco de cachena afumado con bidueiro, picada fresca e chimichurri emulsionado”.
A participación de Cabanas no “Gastronomic Forum Barcelona” chega despois do éxito colleitado no “Galicia Fórum Gastronómico” do pasado mes de setembro, e forma parte da estratexia de promoción turística posta en marcha polo Concello de Cabanas baixo os parámetros de calidade e sustentabilidade.
“Apostar por produtores locais e produtos e proximidade para crear a oferta gastronómica de Cabanas e da comarca do Eume é unha oportunidade para fomentar o emprego de calidade no sector, fixar poboación e coidar o territorio”, indicou o tenente alcalde e concelleiro de turismo de Cabanas, Iago Varela. “Coidar e impulsar a oferta gastronómica do noso concello supón avanzar na diversificación e desestacionalización da promoción turística na que vimos traballando nos últimos tempos”, concluíu Varela.
Este traballo contribuíu a que o Concello de Cabanas, xunto co resto de concellos da comarca do Eume, resultase escollido como beneficiario dos Plan de Desenvolvemento Turístico en Destino cun proxecto turístico para o Eume ao que lle foron concedidos 1,5 millóns de euros.