Cabanas leva a súa aposta por un turismo consciente á presentación do PSTD Fragas do Eume en Fitur

Google+ Pinterest LinkedIn Tumblr +

Utilizar a singularidade medioambiental das Fragas do Eume como motor dunha estratexia turística para os cinco concellos da comarca – Cabanas, A Capela, Monfero, Pontedeume e As Pontes – é un dos principiais obxectivos do Plan de Sustentabilidade Turística en Destino (PSTD) Fragas do Eume. O proxecto foi presentado onte en Fitur, e bota a andar co reto de poñer en marcha “iniciativas que equilibren os fluxos turísticos coa necesaria protección dun entorno tan sensible como é a propia Fraga”. Así o explicou o vicepresidente da Deputación da Coruña, Xosé Regueira, quen estivo acompañado na presentación pola delegada da Xunta de Galiza en Ferrolterra, Martina Aneiros, polo tenente de alcalde de Cabanas, Iago Varela, pola concelleira de Turismo de Pontedeume, Yolanda Vázquez, e pola concelleira de Turismo de As Pontes, Elena López.

“Se tivese que dar unha lista de imprescindíbeis que visitar Galiza sen dúbida nesa lista estarían as Fragas do Eume, o bosque atlántico mellor conservado de Europa, pero tamén debemos ter en conta que estamos falando dunha contorna moi sensible para acoller fluxos de visitantes polo que temos que ser capaces de planificar con moito coidado as estratexias turísticas” asegurou Xosé Regueira.

Na súa intervención, o tenente alcalde de Cabanas e concelleiro de turismo, Iago Varela, incidiu no reto dun equilibrio entre turismo e preservación de recursos, así como a promoción orientada a un tipo de turista consciente, responsable e que valore a identidade dos lugares que visita. “O proxecto representa unha aposta por un turismo comprometido co medio ambiente e coa sociedade local para poñer en valor a nosa riqueza natural, paisaxística, cultural, etnográfica e gastronómica, e que ao mesmo tempo sexa un vector de creación de oportunidades de emprego”, indicou Varela.

«Desde Cabanas, seguimos apostando por crear un produto de valor, colaborando estreitamente co sector turístico local, para poder avanzar en dous eixos: a descentralización xeográfica e diversificación da oferta e, sobre todo, a desestacionalización, conseguindo un fluxo de visitantes ao longo de todo o ano», concluiu o tenente alcalde cabanés.

Durante a presentación, proxectouse ovídeo de presentación da Comarca do Eume, co lema «Río dos Latexos».

Convén lembrar que o Plan de Sustentabilidade Turística en Destino ‘Fragas do Eume’ foi dotado con 1,5 millóns de euros e inclúe intervencións concretas enfocadas a aumentar a competitividade turística do territorio, incorporar a sustentabilidade e a dixitalización ao proxecto turístico, diversificar a oferta no ámbito turístico e garantir a preservación do capital natural. Entre estas intervencións concretas poden citarse a creación de aparcadoiros disuasorios, a posta en marcha de servizos de alugueiros de bicicletas, a creación de app’s de autoguía, dunha rede de miradoiros, unha área de caravanas e rutas de avistamento de aves e de coñecemento da fauna e da flora da contorna, entre outras.

Share.

.