Cabanas inicia a terceira fase do programa de compostaxe doméstica

Google+ Pinterest LinkedIn Tumblr +

O Concello de Cabanas, a través da área de medio ambiente en colaboración con SOGAMA, vén de poñer en marcha a terceira fase do programa de compostaxe doméstica, na que repartirá 50 novos composteiros entre a veciñanza, que suman aos 60 que foron repartidos de maneira gratuíta durante as dúas primeiras fases.

As persoas interesadas en participar neste programa deben presentar unha solicitude no rexistro municipal – presencial ou telematicamente – cubrindo a instancia que se pode descargar desde ao final deste artigo, e comprometéndose a empregar o resultado da compostaxe sen fins comerciais.

“O reparto de composteiros completarase cunha formación específica sobre o seu uso, para que as persoas participantes poidan intercambiar experiencias e aprender a conseguir un compost de maior calidade”, sinalou o tenente alcalde e responsábel da área e medio ambiente, Iago Varela, quen agarda con esta terceira fase “poñer un composteiro ao dispor de todas as persoas interesadas na compostaxe que aínda non puideran optar a un”.

O programa de compostaxe doméstica do Concello de Cabanas enmárcase dentro da estratexia de concienciación ambiental “Cabanas Sostíbel”, na que tamén se inclúen outros programas de concienciación ambiental, roteiros interpretativos e actividades para a mellora do medio ambiente.

Descarga | Impreso solicitude (docx) | Impreso solicitude (pdf)

Share.

Comments are closed.