Sábado, Abril 20

Cabanas inicia a recuperación da historia oral das mulleres de Irís

Google+ Pinterest LinkedIn Tumblr +

A área de igualdade do Concello de Cabanas inicia este martes na antiga Escola de Irís unha nova edición do programa “Memoria dun Século”, un proxecto de historia oral e saúde comunitaria con perspectiva feminista dirixido a persoas maiores, no que se fomenta que as persoas participantes exerciten e reelaboren as súas memorias persoais ao tempo que traballan e articulan o relato colectivo do lugar.

Ao longo de seis sesións, as persoas maiores de 60 anos vinculadas á parroquia de Irís que o desexen poderán participar neste obradoiro e contar as súas lembranzas sobre diversos temas que conforman a historia da parroquia. A primeira desta sesións servirá para presentar a actividade ás participantes, ademais de conectar coa liña de vida persoal e os seus principais fitos.

Nas seguintes semanas, cada sesión articularase arredor dun tema principal (a festa, a guerra, os oficios…) a través dos cales irase reconstruíndo colectivamente a historia da parroquia. Por último, levarase a cabo unha sesión de celebración e devolución, no que agradecer o papel que xogan na comunidade as persoas maiores e compartir os coñecementos que se foron tecendo.

“As mulleres xogar un papel fundamental no Irís e na Galiza do último século, e este programa supón unha oportunidade de facer que perdure a historia viva dunha parroquia”, indicou a concelleira de igualdade, Paula González. A concelleira tamén avaliou positivamente a actividade de Memoria dun Século, que “xa se desenvolveu con éxito nas parroquias de Porto, Soaserra e Regoela”, concluíu.

Tras a fase de recollida da información e da análise dos posíbeis documentos que acheguen as persoas participantes (fotografías, documentación, textos…), elaborarase unha publicación que recollerá o relato común da historia de Irís e o Concello de Cabanas, visibilizando as voces que adoitan pasar desapercibidas na historiografía oficial.

Share.

Comments are closed.