viernes, diciembre 13

Cabanas, Fene e Ares danlle o pulo definitivo ao Punto Limpo de Vilar do Colo

Google+ Pinterest LinkedIn Tumblr +

Os alcaldes de Fene, Cabanas e Ares asinaron onte o convenio de colaboración entre os tres municipios para a posta en marcha do Punto Limpo do Vilar do Colo. O acordo, ratificado polos respectivos plenos municipais, establece que os custes do servizo se sosterán con achegas proporcionais á poboación de cada concello, de maneira que a contribución económica de Cabanas se situará no 14,9%, a de Fene no 58,57% e a de Ares no 26,53%. O resto de cuestións xa están definidas no regulamento de funcionamento do servizo aprobado a finais de 2018 e agora o único que queda pendente é licitar a súa xestión, algo que se conta facer en breve coa expectativa de que o Punto Limpo poida entrar en funcionamento antes do remate do ano.

As instalacións están rematadas desde 2013, e desde aquela houbo varias tentativas de poñelas en marcha que non chegaron a cuallar, debido principalmente á complexidade administrativa de artellar un sistema de xestión compartido entre varios municipios.

Quen primeiro estudaron un modelo compartido foron Cabanas e Fene, como cotitulares dunhas instalacións situadas na banda sur do polígono do Vilar do Colo, nas entremedias de ambos concellos. A eles uníronse logo Ares, Neda e Mugardos e, finalmente, estes dous últimos municipios acabaron descolgándose do proxecto en distintos momentos, de maneira que só quedaron en seguir adiante con el os que  no día de onte suscribiron o convenio de colaboración.

O acordo rubricárono pouco despois das 10 da mañá de onte o alcalde cabanés Carlos Ladra, o rexedor de Fene, Juventino Trigo, e o alcalde de Ares, Julio Iglesias, quen visitaron as instalacións trala sinatura na compaña dos responsables de Medio Ambiente de Cabanas e Fene, Iago Varela e Marta Pereiro, respectivamente. Durante o percorrido, as responsábeis políticas marcaron como prioridade que a entrada en funcionamento do servizo non acumule máis demoras e, en calquera caso, que a súa apertura se produza antes do remate deste mesmo ano.

Para iso o seguinte paso será a licitación da xestión indirecta das instalacións. O estudo económico previo cuantifica o prezo de saída do contrato en 69.058,36 euros. O Concello de Fene tramitará convocatoria do procedemento de adxudicación e despois, unha vez que o Punto Limpo comece a traballar, tamén será quen se encargue de pasarlle os recibos mensuais aos outros dous municipios, xunto con toda a información relativa ao seu funcionamento.

Obxectivo: reducir impropios e vertedoiros ilegais

O convenio de colaboración asinado onte significa o impulso definitivo ao Punto Limpo tras case oito anos de retrasos. Os principais beneficios que traerá aparellada a apertura das instalacións son unha mellor xestión dos residuos e un tratamento axeitado para moitos materiais que neste intre se están deixando na rúa, dentro de colectores que non corresponden ou ciscados aquí e acolá en vertedoiros incontrolados.

Alén dun serio problema ambiental, a actual situación significa tamén un importante gasto para os tres concellos á hora de tratar voluminosos, aparellos electrónicos e outros tipos de refugallos domésticos que non poden depositarse nos colectores convencionais. Neste sentido os tres municipios levarán a cabo campañas informativas entre a veciñanza co obxectivo de informar sobre o tipo de refugallos que se poderán levar ás instalacións e para concienciar sobre a importancia da reciclaxe e da economía circular.

Foto portada: César Galdo

Share.

.