Cabanas estrea Servizo de Normalización Lingüística

Google+ Pinterest LinkedIn Tumblr +

O Concello de Cabanas estreou esta semana o Servizo de Normalización Lingüística, dotado de persoal técnico contratado en colaboración coa Mancomunidade de Concellos da Comarca de Ferrol e financiado parcialmente pola Deputación da Coruña.

A través deste Servizo, o Concello de Cabanas levará a cabo funcións de asesoramento interno e externo sobre o uso do galego, así como tamén todas aquelas tarefas de dinamización lingüística, como a planificación, xestión, execución e avaliación do rol da lingua no ámbito municipal.

“A creación deste Servizo era un dos nosos retos no goberno, e coa incorporación do persoal vemos que por fin se leva a cabo”, explicou Paula González, concelleira de normalización lingüística. “O noso obxectivo nesta concellaría é o de traballar en diferentes eidos para a difusión e a dignificación da lingua, co obxectivo último de avanzar o uso do galego entre a poboación xeral”, engadiu.

Primeira actividade

Como primeira actividade, desde o Servizo de Normalización Lingüística ponse en marcha unha recollida de lembranzas de San Xoán, na que se fai un chamamento á veciñanza a participar compartindo cantigas, coplas, refráns, receitas de auga de San Xoán, ditos, étc., que posteriormente serán empregadas para facer un pequeno mural.

As persoas interesadas en colaborar con esta iniciativa poden facer as súas aportacións a través do correo normalizacion@cabanas.gal ou entregalas na Casa do Concello dirixidas á área de normalización lingüística.

Share.

Comments are closed.