Domingo, Setembro 26

Cabanas estrea o segundo clip da serie “Unha viaxe a Cabanas”

Google+ Pinterest LinkedIn Tumblr +

A área de turismo de Cabanas estreou hoxe o segundo clip da campaña “Unha viaxe a Cabanas”, unha serie de catro vídeos promocionais que o Concello está a desvelar durante o verán para dar a coñecer o territorio “desde todas as súas perspectivas”.

O segundo vídeo da serie traslada ao espectador até a frondosidade do corazón das Fragas do Eume, acompañándoo nunha viaxe polo río até o Mosteiro de Caaveiro, xa no concello da Capela, ao que se pode acceder a pé través de dúas rutas que propón o Concello de Cabanas, unha desde a parroquia de Irís, e outra desde a de Soaserra. Ambos os dous percorridos están descritos na web cabanasturismo.gal

Ademais, neste segundo clip destácanse algunhas mostras do patrimonio local, coma os pazos, muíños, a Capela do Bo Xesús ou as igrexas de San Martiño do Porto e Santa Olaia de Soaserra. Desde esta última parroquia, a de Soaserra, amósanse algunhas das mellores vistas do canón do río Eume que se poden ver no vídeo.

O tenente alcalde e edil de turismo de Cabanas, Iago Varela, amosou a súa satisfacción pola boa acollida da campaña, que está a resultar todo un éxito en redes sociais. “Unha viaxe a Cabanas está a ser un revulsivo para dar a coñecer o concello e un xeito de facer turismo diferente, respectuoso e adaptado a diferentes públicos”, indicou.

Os dous episodios da serie xa publicados, dun total de catro, pódense consultar nas redes sociais do Concello de Cabanas, así como na súa páxina web e canle de YouTube. Están elaborados por WTMode, e combinan diferentes técnicas de gravación e posprodución para acadar un resultado fresco e dinámico, adaptado a consumirse en todo tipo de dispositivos.

Share.

Comments are closed.