Cabanas estrea nova web de turismo

Google+ Pinterest LinkedIn Tumblr +

O Concello de Cabanas, a través da área de turismo, vén de presentar a súa nova web con información turística, unha porta de acceso aberta a todas as persoas que queiran atopar información sobre a localidade, e na que Cabanas fai un chamamento a coñecer “o máis salvaxe da Fraga e a tranquilidade da nosa costa”.

O novo espazo web, accesíbel desde cabanasturismo.gal, reorganiza os seus contidos para poñer o foco nas diferentes alternativas que Cabanas ten para ofrecer a locais e visitantes que desexen afondar no coñecemento do territorio, pondo en valor o lado máis salvaxe das Fragas do Eume e a tranquilidade das tres praias, incluíndo a praia canina, un atractivo adicional para o turismo pet friendly.

 O patrimonio tamén gaña protagonismo na nova páxina web, incluíndo como principal novidade as referencias da Cabanas indiana; e un apartado adicado a “que facer” ofrécenos diversos plans para coñecer o concello paso a paso, percorrendo os diversos roteiros dispoñíbeis, como o sendeiro da costa, que recentemente foi rehabilitado e resulta apto para todos os públicos.

A páxina complétase con referencias a lugares onde aloxarse ou nos que que xantar ou tomar algo, así como outra información de carácter práctico para facilitar ás visitantes a súa viaxe e estancia en Cabanas.

“A renovación da web supón poñer en valor o patrimonio natural, arquitectónico e inmaterial de Cabanas e facilitar o acceso á información desde todo tipo de dispositivos”, sinalou o tenente alcalde e responsábel da área de turismo de Cabanas, Iago Varela, quen tamén destacou a importancia “de pór en valor os atractivos do concello para favorecer o retorno económico e a creación de emprego vinculado ao turismo”.

Share.

Comments are closed.