O Concello de Cabanas vén de ser resultar seleccionado como unha das administracións locais beneficiarias da acción de apoio aos concellos para a elaboración de plans de implementación dos ODS a nível local, contemplada no Plan de Actividades 2020 do Fondo Galego de Cooperación.
Dos 98 concellos de Galiza que forman parte do Fondo Galego, seleccionáronse tres entidades locais para levar a cabo esta experiencia piloto. Cabanas, xunto con San Sadurniño, sumou a máxima puntuación (6 puntos), seguidos de Pontedeume (4 puntos).
Para levar a cabo esta selección, púxose en valor ter certo camiño andado no cumprimento dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostíbel. No caso de Cabanas, valoráronse campañas e iniciativas como #CabanasDiversa (estratexia de apoio á diversidade sexual), #CabanasSostíbel (estratexia en defensa do medio ambiente), Merca en Cabanas (campaña de promoción do comercio local), os obradoiros de empoderamento feminino e a mellora de accesibilidade destinadas a persoas con mobilidade reducida, entre outras.
“A elaboración deste plan permitiranos seguir avanzando na implementación dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostíbel en Cabanas, e facelo contando con asesoramento profesional” sinalou Paula González, concelleira de igualdade e representante de Cabanas no Fondo Galego. «Ademais premia a coherencia e a cohesión dos diversos programas e accións levados a cabo polo goberno de Cabanas», concluíu.
A nova prodúcese cando se cumpren cinco anos da posta en marcha dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostíbel, 17 obxectivos que os Estados membros da ONU adoptaron co fin de erradicar a pobreza, protexer o planeta e asegurara a prosperidade para todas as persoas nun prazo de quince anos, na chamada “Axenda 2030”.