O Concello de Cabanas, a través da Concellaría de Innovación Tecnolóxica, vén de anunciar a creación do Banco de Dispositivos Dixitais municipal, que nace co obxectivo de facilitar o acceso de todas as persoas ás Tecnoloxías da Información e da Comunicación (TICs), ao tempo que serve para darlle a unha segunda vida aos dispositivos que aínda funcionan e non se usan.
A través deste Banco de Dispositivos Dixitais, o goberno de Cabanas pretende garantir que todas as persoas de Cabanas que debido á súa situación social, laboral ou formativa, precisen dispor de equipamento informático para o desenvolvemento da súa actividade, poidan facelo de maneira gratuíta, en réxime de cesión temporal durante o tempo que sexa preciso.
“A pandemia da COVID-19 puxo de manifesto a importancia que teñen as TIC’s nas nosas vidas, non só no ámbito laboral ou educativo co auxe do teletraballo ou a formación a distancia, senón tamén como ferramentas para manternos en contacto con outras persoas ou realizar trámites”, sinalou Iago Varela, tenente de alcalde de Cabanas e responsábel da área de innovación tecnolóxica.
Aquelas persoas que dispoñan de dispositivos que funcionen correctamente e que xa non usen, poderán cedelos permanentemente ao Banco de Dispositivos Dixitais de maneira altruísta. Nun primeiro momento acéptanse ordenadores (portátiles ou sobremesa), tablets, dispositivos periféricos (ratos, pantallas…) e outros dispositivos, previa consulta.
Doutra banda, as persoas interesadas en solicitar o préstamo dun dispositivo do Banco de Dispositivos Dixitais, deberán presentar unha solicitude, que será avaliada polos Servizos Sociais, en colaboración coa área de Innovación Tecnolóxica para ceder o dispositivo máis acaído a cada necesidade.