Cabanas convoca unha asemblea veciñal para informar sobre proxecto do Parque Eólico Caaveiro

Google+ Pinterest LinkedIn Tumblr +

O Concello de Cabanas vén de convocar unha asemblea veciñal aberta para o próximo sábado, 3 de xullo, ás 10.30h no Pavillón de Lavandeira, co obxectivo de informar sobre o proxecto do Parque Eólico Caaveiro promovido por ENEL (Endesa), que neste momento se atopa en fase de exposición pública e alegacións.

A xuntanza contará coa participación de Xavier Simón, experto do Observatorio Eólico de Galicia, unha entidade de carácter técnico independente integrada pola Universidade de Vigo, a Fundación Juana de Vega e a Fundación Isla Couto, que desde hai varios anos asesora a concellos, asociacións e outras entidades en relación co despregamento de parques eólicos.

“O obxectivo desta asemblea é poñer a disposición da veciñanza toda a información dispoñíbel sobre este proxecto que propón a instalación de tres aeroxeneradores en Cabanas, resolver as dúbidas sobre afeccións ou dar unhas pautas sobre como orientar as posíbeis alegacións”, sinalou o tenente alcalde e responsábel da área de medio ambiente, Iago Varela.

Malia non ser preciso inscribirse para participar na xuntanza prevista para o próximo sábado, por razóns de aforo recoméndase que por cada domicilio ou familia acuda unha única persoa.

O proxecto do Parque Eólico Caaveiro está promovido por ENEL (ENDESA) e prevé a instalación de 14 aeroxeneradores en Cabanas, Fene, Neda e San Sadurniño, afectando ademais aos municipios de A Capela e As Pontes no trazado da liña de evacuación.

Share.

Comments are closed.