O Concello de Cabanas anuncia a contratación de dous albaneis e un peón dentro do Programa de Integración Laboral da Deputación da Coruña, PEL Concellos 2020, para a execución de obras e servizos mínimos municipais.
As tres persoas seleccionadas mediante este plan de emprego terán un contrato de seis meses a tempo completo, e levarán a cabo traballos de mantemento de camiños e vías de acceso municipal aos núcleos de poboación, incluíndo roce e limpeza de cunetas, mantemento e pequenas reparacións das beirarrúas municipais, mantemento dos espazos públicos do Concello, áreas recreativas, deportivas e zonas verdes.
O prazo de presentación de solicitudes para estas prazas é de cinco días hábiles desde a súa publicación no BOP (BOP 5 de xuño), polo que as persoas interesadas poden rexistralas até o venres 12 de xuño.
Bolsa de emprego de persoal axuliar de axuda no fogar
O Concello de Cabanas tamén ten aberto até o día 11 de xuño a bolsa de emprego para persoal auxiliar de axuda no fogar, co obxectivo de reforzar o servizo a efectos de cubrir necesidades transitorias que requiran puntualmente a contratación de persoal laboral para realizar tarefas de substitución por ausencia de persoal, incapacidade laboral transitoria, permisos ou licenzas e acumulación de tarefas.