Cabanas contará cun orzamento de 3.065.162,67 euros para 2022

Google+ Pinterest LinkedIn Tumblr +

O pasado 30 de decembro o pleno do Concello de Cabanas aprobou os Orzamentos Municipais para o 2022, que ascenden a 3.065.162,67 euros, o que supón un incremento de 10.145,34 € con respecto ás contas aprobadas no exercicio 2021. As contas saíron adiante cos votos a favor dos grupos de goberno (PSOE, BNG e AEC), mentres que os grupos da oposición (PP e Marea de Cabanas) votaron en contra.

No departamento de Servizos Sociais, destaca o incremento para atención á dependencia, que pasa dos 215.000 a 300.000 euros, polo incremento no número de horas do servizo e a actualización das condicións laborais das traballadoras.

Ademais, os Orzamentos de Cabanas para 2022 recollen actuacións como a mellora da capa de rodaxe nos camiños dos Chaos, Carballo de Abaixo, Balvís e Currás; o acondicionamento e mellora da iluminación do Parque do Areal e da parcela municipal da Madalena e a substitución das ventás do CEIP Eladia Mariño, por un investimento total de 159.294,33 €.

Increméntase o investimento en turismo, así como en cultura e turismo, en previsión de que a evolución da pandemia permita avanzar cara a normalidade nas actividades culturais e deportivas ao longo do ano.

Nas contas para o 2022 de Cabanas destaca tamén o aforro de 30.000 € en consumo eléctrico, motivado fundamentalmente pola renegociaciación da subministración eléctrica, que permitiu acceder a mellores prezos, reducir gastos e apostar por enerxía provinte de fontes 100% renovábeis.

“Os orzamentos do 2022 permitirán avanzar en proxectos xa iniciados polo goberno de coalición, e poñer en marcha outros novos destinados á mellora da calidade de vida do conxunto da veciñanza”, sinalou o alcalde e concelleiro de facenda, Carlos Ladra.

Desde o goberno municipal fan un chamamento á Xunta para que “asuma a súa responsabilidade e incremente o financiamento de servizos como dependencia ou o PAI”, competencias impropias que o Concello de Cabanas está a asumir con fondos propios pola falta das aportacións necesarias por parte do goberno galego.

Con carácter previo á súa aprobación polo pleno, os Orzamentos de Cabanas foron presentados ás delegadas e delegados de persoal para que puideran analizar os datos económicos correspondentes ao capítulo de gastos de persoal, así como ao Consello de Participación Veciñal, do que forman parte asociacións e entidades do concello.

 

Share.

Comments are closed.