Domingo, Xuño 23

Conmemoramos o Día da Visibilidade Lésbica

Google+ Pinterest LinkedIn Tumblr +

O Concello de Cabanas, a través da área de LGTBIQA+, xunto co de Pontedeume e Euroeume, súmase á conmemoración do Día da Visibilidade Lésbica, que se celebra este 26 de abril.

Ao longo desta mañá, o alumnado que está a realizar as prácticas do ciclo superior de Promoción da Igualdade de Xénero nos concellos de Cabanas, Pontedeume e na entidade Euroeume, organizou unha actividade de dinamización durante os recreos do IES Breamo, que consistiu nun rosco relacionado coa temática LGTBIQA+, poñendo énfase no colectivo lésbico. Tamén se repartiron folletos informativos e chapas con diferentes deseños.

A través da estratexia Cabanas Diversa, o Concello de Cabanas contribúe á visibilización e sensibilización da diversidade sexual e afectiva, e a nivel comarcal destaca o papel do colectivo Avante LGTB+ Ferrolterra, que defende os dereitos das persoas LGTB+, e que organiza diversas actividades para a participación das compoñentes do colectivo e a súa visibilización e apoderamento.

As mulleres lesbianas do colectivo LGTBIQA+ remarcan a importancia de eliminar a dobre discriminación que sofren, primeiro polo seu xénero, e segundo pola súa orientación sexual. A ONU sinala que as lesbianas aínda soportan os prexuízos e os estereotipos ocasionados polas determinadas normas culturais, e que estas actividades e comportamentos fomentan a violencia sistemática contra elas.

Por iso desde o 2008 celébrase o Día da Visibilidade Lésbica cada 26 de abril, como unha forma de reclamar a igualdade de dereitos e oportunidades para as mulleres lesbianas. Así, a finalidade deste día é que todas as mulleres con preferencias sexuais diferentes sexan respectadas, valoradas e poidan gozar dos mesmos espazos na sociedade, sen ningún tipo de discriminación.

Ademais disto, visibilizar ás mulleres lesbianas contribúe a romper a fenda de xénero, xa que nunha análise do Fondo de Poboación das Nacións Unidas do 2022, concluíuse que o 28% das mulleres lesbianas atopábanse en situación de desemprego, fronte a un 23% de desemprego por parte das mulleres heterosexuais.

Máis recursos | Enlace 1 | Enlace 2 | Enlace 3

Share.

Comments are closed.