Martes, Novembro 30

Cabanas conmemora o 25N cun amplo abano de actividades

Google+ Pinterest LinkedIn Tumblr +

A concellaría de igualdade do Concello de Cabanas presentou esta mañá a campaña conmemorativa do 25 de novembro, Día para a eliminación da violencia contra a muller, que leva por lema “Maior sororidade e máis saúde”, e cuxa imaxe foi elaborada polo deseñador gráfico Juanlu Nacha.

As actividades vencelladas a estada data inclúen obradoiros, conferencias, a proxección dun documental e a representación dunha obra de teatro, entre outras, que se desenvolverán ao longo dos meses de novembro e decembro, e dunha maneira descentralizada, en colaboración con diferentes asociacións e sociedades do concello.

A concelleira de igualdade, Paula González, destacou o esforzo do Concello de Cabanas para poñer en marcha un programa de actividades “amplo, diverso e próximo á veciñanza”, e sinalou que “os concellos xogan un papel fundamental para loitar contra a lacra da violencia machista”.

González quixo agradecer tamén a colaboración das diferentes entidades municipais, como a Asociación de Amas de Casa, a Asociación de Mulleres Cabanas Rural e as SCRD de San Martiño do Porto e San Mamede de Laraxe, para poder desenvolver unha campaña descentralizada.

Actividades na Casa do Concello

O Salón de Plenos da Casa do Concello acollerá boa parte da actividade vencellada á conmemoración do 25 de novembro. O propio día 25, ás 18h, procederase á lectura do manifesto institucional do Concello e Cabanas, e o sábado 27, ás 19h, acollerá a presentación e proxección do documental “O valor do non contado”, realizado polo Concello de Cabanas, e no que participan mulleres cabanesas que participaron nos obradoiros organizados pola concellaría de igualdade.

Xa no mes de decembro, o sábado 4 ás 11h será a palestra “Violencias de xénero en mulleres maiores”, en colaboración coa Deputación da Coruña, unha actividade que estará dinamizada por Ana Loredo.

Finalmente, o sábado 11 de decembro, ás 12h, será a quenda do teatro coa representación da obra “Dúas nenas moi valentes”, de Trémola Teatro. Trátase dun contacontos infantil destinado a crianzas de entre 3 e 8 anos, que narra a historia de dúas nenas que nunha noite de festa de pixamas descobren un libro segredo cheo de historias fascinantes con mulleres coma protagonistas.

Actividades nas parroquias

Boa parte da programación deste 25 de novembro celébrase de xeito descentralizado, co obxectivo de chegar ao maior número de persoas posíbel. Para iso, no marco do proxecto “Saúde e benestar das mulleres” impulsado pola concellaría de igualdade, colaborouse con diferentes asociacións e locais sociais distribuídos nas diferentes parroquias.

A charla “Bo trato nas persoas maiores”, impartida por Cruz Vermella Ferrol, celebrarase o 16 de novembro ás 16.30h na Escola de Lavandeira, o 18 de novembro ás 19h no SCRD San Martiño do Porto e o 30 de decembro ás 18.30h no SCRD San Mamede de Laraxe.

Por outra banda, a “Charla informativa sobre a fibromialxia”, impartida por Affinor, terá lugar o 18 de novembro ás 17h no Apeadoiro do Areal, e o 30 de novembro ás 16.30h na Escola de Lavandeira.

O “Obradoiro sobre o abuso emocional”, impartido pola técnica de igualdade por Ana Loredo, será o 2 de decembro ás 17h no Apeadoiro do Areal, e ás 19h no SCRD San Martiño do Porto; mentres que a palestra “Como actuar ante as violencias machistas”, tamén impartida por Loredo, será o 16 de decembro ás 17h no Apeadoiro do Areal e ás 19h no SCRD San Martiño do Porto.

Finalmente, a “Charla informativa sobre o alzheimer”, impartida por AFAL, será no SCRD San Mamede de Laraxe o día 16 de decembro ás 18.30h.

Obradoiros no CEIP Eladia Mariño

A semana do 22 ao 26 de novembro terán lugar no CEIP Eladia Mariño diversos obradoiros dirixidos á comunidade educativa. Os de educación afectivo – sexual “Abeirar” serán impartidos por Sabela Maceira, educadora social e sexóloga do gabinete “Con Mucho Gusto”. Neste proxecto involúcrase ao alumnado, profesorado e familias para que a educación sexual se aborde de maneira integral e sexa algo máis ca unha acción puntual.

Por outra banda, os días 22 e 24 de novembro impartiranse os obradoiros de novas masculinidades, “Eu e nós”, por Juanjo Lorenzo Castiñeiras, doutor en ciencias da educación, sociólogo e especialista en intervención socieducativa e feminismos, e Noelia Darriba, educadora social experta en igualdade de xénero, terapia do reencontro, sexualidade e educación emocional. Ao longo de dúas sesións traballarase a identidade suxual e de xénero, afondando nas novas masculinidades como modelo contrario á cultura machista e sexista.

Share.

Comments are closed.