Cabanas conclúe o trampeo primaveral da vespa velutina

Google+ Pinterest LinkedIn Tumblr +

O Concello de Cabanas, a través da área de servizos, completou esta semana a campaña de trampeo primaveral contra a vespa asiática cun total de 697 raíñas capturadas nas 60 trampas instaladas polo Concello noutros tantos puntos das sete parroquias do termo municipal, unha campaña exitosa que se vén desenvolvendo desde o 2016.

Estes resultados foron analizados pola bióloga e colaboradora do Concello de Cabanas nas campañas de trampeo Eva Pico, quen concluíu que se trata dunha cifra moi positiva, ao terse conseguido reducir a un terzo o número de raíñas con respecto á campaña do ano anterior.

Tanto a bióloga como a concelleira responsábel da área de servizos, Eva García, coincidiron en que é preciso analizar estes datos con cautela, xa que esta primavera foi especialmente fría, e tamén influíron outros factores como a mellora e acotación das zonas de trampeo a aqueles lugares onde se detectaron máis niños o ano anterior e a súa situación, en zonas preferentemente soleadas e de froiteiras ou camelias, que son as que máis atraen a esta especie.

Así como o ano pasado as zonas onde máis se trampeou foron as de Porto e Cabanas, pola alta incidencia de niños, este ano malia ter trampas no Pudrical, Sobor de Arriba, Barreiro – Val ou Cardeita, a incidencia nestas zonas foi moi baixa, e pola contra subiu cara as zonas máis elevadas do concello:

  • Local Social e Pavillón de Lavandeira: 75
  • Horta (Regoela): 40
  • Os Xicos (Regoela): 34
  • Os Chaos (Laraxe): 34
  • O Feal (Laraxe): 32
  • Os Durás (Soaserra): 32
  • O Batán (Porto): 29
  • A Caneta (Irís): 23
  • O Cotiño (Salto): 21
  • Zona Areal (total Praia / Piñeiral / Parque): 27

Desde a área de servizos faise un chamamento á veciñanza destas zonas a colaborar na loita contra a vespa velutina, intensificando a vixilancia e tamén o trampeo.

O Concello de Cabanas lembra que á hora de detectar un niño de velutina é preciso chamar ao 012 para dar os datos máis exactos posíbeis sobre o lugar no que se atopa o niño e o seu tamaño. Será desde ese teléfono onde determinarán a súa retirada, dependendo da ubicación e perigosidade. Así o marca o plan de actuación acordado entre a Xunta e FEGAMP, ao que o Concello de Cabanas se acolleu no 2019. Este convenio garante que sexan retirados ou neutralizados nun prazo máximo de 5 días hábiles, a non ser que se dean circunstancias excepcionais como que se atopen a alturas dificilmente alcanzábeis (máis de 25 metros) ou que sexan inaccesíbeis por falta do permiso das persoas propietarias das fincas.

Share.

Comments are closed.