Cabanas concéntrase contra a violencia machista

Google+ Pinterest LinkedIn Tumblr +

Esta tarde tivo lugar diante da Casa do Concello a concentración de repulsa polo feminicidio de Mónica Marcos Piñeiro na Coruña. A continuación reprodúcese o manifesto lido no acto.

A violencia non cesa

Hai tan só unha semana coñeciamos o asasinato dunha muller no Barco de Valdeorras do que aínda a día de hoxe non temos coñecemento das causas do crime, tan só 4 días despois coñecemos a terríbel nova do asasinato dunha muller na Coruña e aquí estamos tres días despois para responder con toda a contundencia ante o incremento da violencia machista no noso país.

A violencia non cesa, non parou durante a pandemia e non vai parar despois, os feminicidios son só a mostra máis brutal e cruel das violencias que día a día vivimos as mulleres, os feminicidios son o cume dun sistema que existe para oprimirnos.

Grazas á loita feminista conseguimos visibilizar os feminicidios dun xeito global e transversal, e que non se vexan como un suceso íntimo. Conseguimos reunir á poboación neste berro conxunto, nesta denucnia colectiva de que as mulleres somos asasinadas polo feito de solo, porque hai un sistema de opresión estrutural que se filtra en todos e cada un dos comportamentos que mantemos na nosa vida e que moitas veces leva á peor e máis tráxica das consecuencias, o asasinato.

É preciso que se aborde desde idades temerás a violencia machista nas escolas, que se combatan os estereotipos, que se cuestionen as relacións de poder que se establecen entre as iguais, que se fale das opresións, dos privilexios de xénero, que se preste educación afectiva e sexodiversa.

Urxe considerar a violencia machista como un problema social e político de extrema gravidade. Estes asasinatos non poden ser considerados como un máis dunha longa lista de feminicidios. Non podemos asumir a cotidianidade dos feminicidios. Nin seguir poñendo o foco nas campañas en insistir que as mulleres somos as que debemos denunciar, adoptar medidas de protección, no canto de dirixilas aos maltratadores, aos violadores, aos asasinos.

As mulleres somos o 51% da poboación mundial e precisamos vivir cos mesmos dereitos, non somos cidadás de segunda. Non queremos vivir con medo, queremos saír á rúa sempre que nos pete, emprender relacións e sen que se atente contra as nosas vidas, porque temos dereito a vivir libremente e porque mentres as mulleres non sexamos libres, o mundo non vivirá en paz.

Estamos fartas da violencia, mais tamén da resposta das institucións ás agresións. Mentras non sexamos quen de erradicar o sistema patriarcal non haberá democracia nin igualdade real.

Estamos unha vez máis nas rúas porque queremos mudar unha situación insostíbel para as mulleres e porque forma parte da nosa responsabilidade. Precisamos que toda a sociedade galega entenda que é a nosa vida a que está en perigo. Que estamos fartas de minutos de silencio polas vítiamas. Que unimos as nosas voces nun só berro.

Abonda xa de violencia! Querémonos vivas! Seguiremos en marcha até que todas sexamos libres!

Share.

Comments are closed.