Cabanas chama a caracterizarse de Rosalía para conmemorar o Día De Rosalía

Google+ Pinterest LinkedIn Tumblr +

Unha Rosalía contaxiada da forza das Tanxugueiras é a imaxe coa que o Concello de Cabanas e o resto de concellos cos que comparte Servizo de Normalización Lingüística, celebrarán o Día de Rosalía 2022, unha xornada que se celebrará o próximo 23 de febreiro, coincidindo coa data de nacemento da autora máis recoñecida das letras galegas.

Baixo o lema “Somos Rosalías. Coa forza da lingua!” chámase a celebrar esta data caracterizándose de Rosalía, para o que as persoas interesadas poden enviar as súas fotos, versos, ou citas aos enderezos habilitados – no caso de Cabanas ao correo normalizacion@cabanas.gal – entre os días 16 e 21 de febreiro, para logo difundir a través das diferentes redes sociais e webs.

“Con esta actividade pretendemos poñer en valor o legado de Rosalía de Castro, tanto na súa faceta como autora universal como no seu papel de muller empoderada”, sinalou a concelleira de normalización lingüística, Paula González.

Cabanas dispón de Servizo de Normalización Lingüística desde mediados do ano pasado, un servizo que comparte cos concellos de Ares, Mugardos, Neda e Valdoviño, e que está coordinado pola Mancomunidade de Concellos da Comarca de Ferrol e subvencionado pola Deputación da Coruña.

Share.

Comments are closed.