Cabanas celebrará o II Mercado de Nadal o próximo 18 de decembro

Google+ Pinterest LinkedIn Tumblr +

O Concello de Cabanas celebrará o sábado 18 de decembro o II Mercado de Nadal, logo de que a cita do 2020 tivese que ser cancelada por mor da pandemia. Será no Pavillón de Lavandeira, de maneira ininterrompida entre as 11 e as 20 horas.

As visitantes que se acheguen até o mercado poderán facer as súas compras de Nadal, tanto de produtos de moda e artesanía, pensando en posíbeis agasallos, como en produtos de alimentación, cunha clara aposta polo consumo local e de proximidade.

O Concello tamén programou o espectáculo infantil MeRe-cidamente, a cargo de Moc Moc espectáculos e animación, que terá lugar ás 17h no mesmo recinto que se celebra o mercado. Ademais, en colaboración coa Asociación de Mulleres Cabanas Rural, ás 16.30h fará a súa aparición o Apalpador para recibir ás crianzas que se acheguen a facerlle as súas peticións. A xornada completarase cun chocolate con churros que terá lugar pola tarde.

Share.

Comments are closed.